O Exército sionista cuestiona o Goberno pola imposibilidade de eliminar Hamás e desata un novo enfrontamento con Netanyahu

Apenas 50 israelís detidos en Gaza seguirían vivos, sostén Washington
2024_palestinian_territories_deir_al_balah_adisplaced_palestinian(1)
photo_camera Unha crianza palestina busca no lixo en Gaza. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA vía Europa Press)

“Este asunto de destruír Hamás, facer que Hamás desapareza, é simplemente enganar o público”, posto que “Hamás é unha idea, Hamás é un partido [político], está arraigado nos corazóns da xente, quen pense que podemos eliminar Hamás está equivocado”, recoñeceu o voceiro do Exército de Israel, Daniel Hagari, desencadeando un enfrontamento co Goberno de ultradereita de Benjamin Netanyahu, recolleron a quinta feira medios internacionais.

Canda liberar as persoas israelís detidas en Gaza desde a operación da resistencia palestina do 7 de outubro, a destrución de Hamás, que goberna a Faixa, é o outro obxectivo declarado dos sionistas na agresión militar ao enclave palestino.

"Un dos Exércitos máis criminais do mundo"

No marco da agresión unha comisión da Organización das Nacións Unidas (ONU) probou que Israel cometeu crimes contra a humanidade por medio do seu Exército, “un dos máis criminais do mundo”, afirmou Chris Sidoti, un dos membros da comisión.

A Oficina do primeiro ministro retrucou que os militares están comprometidos cos obxectivos fixados polo Goberno, poucos días despois de que criticara a decisión do Exército de anunciar sen consultar pausas tácticas para entregar axuda humanitaria e logo de que Herzi Halevi, o líder dos militares, denunciara as limitacións operativas provocadas pola escaseza de soldados, e o propio Hagari deixara entrever que non poderían gañar a guerra.

A meirande parte dos israelís en Gaza están mortos

Ao respecto das e dos israelís detidos, funcionarios estadounidenses transmitiron que apenas 50 dos arredor de 120 que aínda están en Gaza seguirían vivos, entre denuncias da resistencia palestina de que os bombardeos indiscriminados de Israel están a causar as súas mortes.

Comentarios