A agresión militar israelí leva Gaza a unha situación "insoportábel", denuncia a ONU

O TPI atrasa a decisión sobre a orde de arresto contra Netanyahu.

Palestinos cargan o cadáver dun familiar a sexta feira en Deir al Balah, en Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Palestinos cargan o cadáver dun familiar a sexta feira en Deir al Balah, en Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press / ContactoPhoto)

As condicións de vida en Gaza son “extremadamente espantosas” e crearon unha situación “realmente insoportábel” para a poboación, indicou a sexta feira Louise Wateridge, oficial superior de comunicacións da Axencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) para as refuxiadas e refuxiados palestinos, detallando que as persoas que fuxiron cara a outras partes do enclave pola agresión militar israelí están a vivir en edificios bombardeados ou nas proximidades de toneladas de lixo polo colapso dos servizos públicos da Faixa.

Após desprazarse a Khan Younis salientou que “os edificios son esqueletos, todo son cascallos”, “alí non hai auga, non hai saneamento, non hai comida, e agora a xente volve vivir neses edificios que son cascas”.

Ataques a médicos

Na nova vaga de ataques israelís a Gaza, nunha ofensiva que persoas expertas da ONU cualifican de xenocidio, foron asasinados tres médicos que trataban de rescatar persoas afectadas por ataques anteriores. Desde outubro case 38.000 persoas morreron na Faixa a mans de Israel.

O TPI acepta a inxerencia británica

En paralelo, a Sala de Cuestións Preliminares do Tribunal Penal Internacional (TPI) permitiu ao Reino Unido atrasar a decisión sobre se acepta a petición da Fiscalía de emitir ordes de arresto contra Benjamin Netanyahu, primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, e o seu ministro de Defensa, Yoav Gallant, por crimes de guerra e contra a humanidade, ao admitir unha petición para revisar se ten xurisdición sobre persoas israelís.

Desta maneira, brindou até o 12 de xullo para que outros Estados trasladen a súa posición despois de que, nunha medida pouco usual, a Fiscalía anunciara con anterioridade que pediría as ordes, cando o común e que se anuncien cando son aceptadas.

Comentarios