Elévanse a 21 as detencións polo intento de golpe de Estado en Bolivia, incluída a do ex líder da Forza Aérea

A Fiscalía acusa os principais sospeitosos de terrorismo.
Detidos polo golpe de Estado en Bolivia, a quinta feira. (Foto: Policía de Bolivia)
photo_camera Detidos polo golpe de Estado en Bolivia, a quinta feira. (Foto: Policía de Bolivia)

Eduardo Del Castillo, ministro de Goberno de Bolivia, informou a sexta feira de que a cifra de persoas detidas pola tentativa de golpe de Estado na cuarta feira ascende a 21, entre eles Marcelo Javier Zegarra, até esa data comandante xeral da Forza Aérea.

Co seu arresto fican baixo custodia os tres ex comandantes xerais das tres pólas das Forzas Armadas, canda Zegarra o ex líder do Exército Juan José Zúñiga e o da Armada Juan Arnez.

Ademais, a Fiscalía imputou por terrorismo os principais sospeitosos, que xa foran acusados entre outros cargos de sublevación armada. Zúñiga, que encabezou publicamente o golpe, podería ser condenado a entre 15 e 20 anos de prisión por “atentar contra a democracia e a Constitución”, detallou o ministro de Xustiza, Iván Lima.

Pola súa parte, o presidente Luis Arce explicou que unha vez constatado que se trataba dunha sublevación púxose en contacto co ex mandatario Evo Morales para advertilo de que tomase as debidas precaucións a pesar do enfrontamento que manteñen polo control do Movemento ao Socialismo e pola candidatura da formación en 2025.

Comentarios