Un Trump "mentireiro" imponse no primeiro debate electoral a un Biden perdido e con lapsus

Preocupación nas filas do Partido Demócrata pola imaxe ofrecida polo presidente. Medios de EUA indican que dirixentes do partido son partidarios de afastar Joe Biden de cara ás eleccións de novembro.

trmp biden debate
photo_camera Trump e Biden nun momento do debate (Foto: CNN)

O presidente de Estados Unidos, Joe Biden, e o ex presidente Donald Trump mantiveron esta quinta feira pola noite un debate televisado na cadea CNN na que defenderon as súas respectivas xestións ao mesmo tempo que intercambiaron insultos ou comentarios despectivos. Trump, segundo The New York Times, dixo unha trintena de mentiras e datos falsos durante o debate. Mais iso non foi aproveitado por Joe Biden, que deu a imaxe de que a idade lle pasa factura: estivo perdido e confuso.

Trump acusou Biden de "destruír" o país nos catro anos do seu mandato, e asegurou que o seu "pobre traballo" na Casa Branca converteu a nación en parte "do terceiro mundo", mentres que o mandatario destacou que a súa Administración está "a recompor" o país da herdanza do magnate, que legou unha economía "en caída libre" por culpa dunha "malísima" xestión da pandemia de Covid-19, aínda que Trump continuou destacando a súa xestión durante aquel período.

Con todo, Trump insistiu en que Estados Unidos tiña "a maior economía na historia do país" e que na actualidade "a inflación está a matar" os cidadáns estadounidenses mentres que el deixou unha inflación "case inexistente".

Ademais, Trump aproveitou un balbuceo de Biden para burlarse del: "Non sei que dixo e creo que el tampouco o sabe"; o actual presidente, pola súa parte, cualificou o seu opoñente de "imbécil" e de "perdedor" en referencia a unhas declaracións de Trump nas que se refería desa forma a veteranos de guerra falecidos, aínda que o magnate negou que o dixese.

Trump acusou Biden de levar o país cara a unha terceira guerra mundial tras causar que o mundo "non respecte" Estados Unidos despois da retirada de Afganistán, á que considera como o momento "máis vergoñoso na historia" estadounidense. "En todo o mundo xa non nos respectan como país. Non respectan o noso liderado, xa non respectan Estados Unidos", aseverou o ex mandatario.

Con todo, Biden afirmou que é Trump quen permitirá o inicio dun conflito mundial, e citou unhas declaracións nas que o magnate ameazaba os aliados da OTAN con "deixar a Rusia facer o que queira" se non aumentaban os seus orzamentos militares.

Respecto ao conflito na faixa de Gaza, Biden defendeu a súa proposta de cesamento do fogo en tres fases, mentres que Trump non especificou sobre a súa forma de abordar a situación mentres seguiu culpando o mandatario de permitir os ataques de Hamás, destacando que Irán "non tiña diñeiro" para financiar ás súas milicias mentres el estaba na Casa Branca. Respecto ao recoñecemento do Estado palestino, Trump expresou que "tería que velo".

A cuestión migratoria foi a máis usada polo líder republicano para cargar contra o seu adversario demócrata, ao que acusa de abrir as fronteiras do país e deixar que entren "terroristas de todo o mundo" mentres que no seu mandato foi "a fronteira máis segura da historia". "Decidiu abrir a nosa fronteira, abrir o noso país a xente que vén dos cárceres, xente que vén de institucións mentais, manicomios, terroristas. Temos o maior número de terroristas entrando no noso país agora mesmo, todos terroristas, por todo o mundo, non só en Sudamérica, veñen de Oriente Próximo, de todas partes", engadiu.

Biden desmentiu as acusacións alegando que "non son verdade" e que "non hai datos" que apoien tales afirmacións, e cargou contra a política migratoria de Trumo porque "separaba bebés das súas nais" e encerrábaos " en gaiolas".

Una das grandes polémicas entre demócratas e republicanos nos últimos anos foi a do aborto, concretamente desde que o Tribunal Supremo revertese en 2022 o histórico fallo que consagraba o aborto como un dereito a nivel federal, dando lugar a que numerosos estados controlados polos conservadores aplicasen medidas moi restritivas respecto diso.

A pesar de que Trump mostrouse a favor da decisión do Supremo de preservar o acceso ás pílulas anticonceptivas, que non bloquerá se chega á Presidencia, pero tamén defendeu a sentenza de 2022 que permite os estados lexislar respecto diso. Biden defendeu a restauración do fallo Roe vs Wade, o mencionado fallo que permitía o aborto, mentres que Trump cargou contra este a o asegurar que o que pretenden é "matar os bebés" xusto antes do seu nacemento, algo que o presidente desmentiu categoricamente.

Tras o final do debate, analistas políticos en CNN criticaron as intervencións de Biden, considerando a súa actuación como "dolorosa", e aseguraron que algúns membros do Partido Demócrata están a falar para pedir que se lle afaste da carreira presidencial.

Con todo, o propio Biden defendeu que tivo unha "boa actuación" e que é difícil debater con "un mentireiro", citando unhas cifras do diario 'New York Times', que contabilizou até 26 "grandes mentiras" de Trump. Pola súa parte, a vicepresidenta, Kamala Harris, saíu en apoio a Biden e que, a pesar do seu "lento inicio", acabou o debate de forma "forte".

Comentarios