A calma volve a Venezuela á espera de que o CNE difunda os resultados electorais íntegros

México arremete contra a OEA por inxerir.

N. Maduro a terza feira. (Foto: Marcelo Garcia / Prensa Miraflores / DPA vía Europa Press)
photo_camera N. Maduro a terza feira. (Foto: Marcelo Garcia / Prensa Miraflores / DPA vía Europa Press)

Após os disturbios na noite da segunda á terza feira, na madrugada da cuarta reducíronse drasticamente os incidentes no territorio venezolano no contexto dos enfrontamentos entre partidarios da oposición que denuncian fraude nas eleccións presidenciais do domingo e as forzas de seguridade, que o Goberno do progresista Nicolás Maduro, ao que o Consello Nacional Electoral (CNE) proclamou vencedor dos comicios, denunciou que se trata dunha tentativa de golpe de Estado por medio de actos terroristas que afectaron institucións públicas e que está impulsada desde os Estados Unidos.

A ONG Foro Penal trasladou que 11 persoas faleceron nos disturbios e máis de 270 foron detidas, namentres a Fiscalía detallou que os arrestos se elevan a 749 e que un militar faleceu. Asemade, informou de que 48 policías e militares resultaron feridos.

O presidente brasileiro, Lula da Silva, a quen Maduro trasladou que proximamente serían publicados os datos mesa por mesa dos comicios despois de que o escrutinio ficara conxelado a 80% por un ataque informático masivo, apuntou o CNE, afirmou que “non vexo nada grave” e que o que acontece é un “proceso normal e tranquilo” que se resolverá coa presentación dos resultados íntegros, indicando que se a oposición ten dúbidas pois “debe presentar un recurso e agardar á decisión”.

En paralelo, o tamén progresista Andrés Manuel López Obrador, presidente de México, salientou que “non teño elementos” que proben que se produciu unha fraude, reiterando a necesidade de agardar aos resultados definitivos e que a disputa se resolva polas vías xudiciais e non “comezar a confrontación e a violencia”.

Ao tempo, acusou a Organización dos Estados Americanos (OEA) de inxerencia por cuestionar a vitoria de Maduro e incidiu en que “por iso a OEA non ten credibilidade”.

Ao respecto, a consultora xurídica Olga Álvarez debullou na canle Telesur que a normativa electoral venezolana outorga 30 días ao CNE para publicar os resultados na Gaceta Electoral e que as impugnacións se teñen que presentar no Tribunal Supremo, indicando que “deduzo que cando se active a súa páxina [do CNE]”, caída nas últimas xornadas, serán publicadas.

Pola contra, o Centro Carter, convidado como observador polo CNE, asegurou que a non publicación dos datos disgregados “constitúe unha grave violación dos principios electorais”, un dos elementos que o levan a concluír que “non pode ser considerada [unha elección] democrática”.

Comentarios