A Fronte Polisario condena o aval francés á ocupación do Sáhara Occidental por parte de Marrocos

A UE sinala que a súa posición non cambiou.
Protesta a favor do Sáhara en Madrid nunha imaxe de arquivo. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Protesta a favor do Sáhara en Madrid nunha imaxe de arquivo. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A decisión de Francia de recoñecer a soberanía de Marrocos sobre o Sáhara Occidental ocupado “só confirma a súa intención deliberada de privar o pobo saharauí” do seu dereito á “liberdade e a independencia e de expor toda a rexión a ameazas e inestabilidade”, denunciou a Fronte Polisario, que goberna a República Árabe Saharauí Democrática, recolleron a cuarta feira medios internacionais.

Con esta medida París apoia “publicamente a guerra expansionista do réxime” de Rabat, subliña a formación, que agradeceu a Alxeria a retirada de Said Musi, o seu embaixador en Francia, en resposta á resolución do Goberno de Emmanuel Macron.

Ao respecto, a Unión Europea (UE) trasladou que a súa posición non mudou e que “corresponde a cada Estado membro reaccionar en función das súas propias posicións”, desmarcándose de Francia, cuxa postura, que replica á do Estado español, é contraria ao dereito internacional e ás resolucións da Organización das Nacións Unidas (ONU), que remarcan o dereito do pobo saharauí á autodeterminación.

Comentarios