Sánchez defende o pacto con ERC como un "paso na federalización" e o final do proceso de autodeterminación catalán

A dirección de Comuns Sumar aproba o acordo para investir Illa.
Pedro Sánchez a cuarta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez a cuarta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O preacordo entre a póla catalá do PSOE, o Partit dels Socialistes (PSC), e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) para investir Salvador Illa (PSC) como novo presidente catalán é “un paso na federalización do noso Estado autonómico”, ratificou a cuarta feira o presidente español, Pedro Sánchez (PSOE).

O entendemento recolle que Catalunya contará cun sistema de financiamento singular que sacará o país do réxime común e lle permitirá recadar todos os impostos, nun modelo equivalente ao concerto económico do que gozan Euskadi e Nafarroa.

A concesión do PSOE -no que hai poucos días a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, mantiña que “non ten sentido”- á principal exixencia de ERC supón para Sánchez a fin do proceso de autodeterminación catalán.

Sexa como for serán as case 8.700 persoas que integran a militancia da forza soberanista as que teñan a sexta feira a última palabra.

No caso de que o resultado sexa favorábel á investidura de Illa o PSC tamén precisaría para alcanzar a maioría absoluta o apoio de Comuns Sumar. Nese sentido, a dirección desta última formación aprobou o acordo fechado poucas horas antes co PSC, e que inclúe o compromiso do partido de Illa de que o proxecto do megacasino Hard Rock quedará desbotado.

Este proxecto estivo detrás do adianto electoral en Catalunya tras rexeitar o Parlament a proposta de orzamentos do Goberno que aínda dirixe Pere Aragonès (ERC).

Nese momento o PSC ameazou con retirar o apoio ás contas no caso de que non se avanzase co Hard Rock, mentres a marca predecesora de Comuns Sumar, En Comú Podem, advertira que sen a retirada do proxecto votaría en contra, o que finalmente fixo canda PP e Vox.

Comentarios