Folga e protestas en Xerusalén e Cisxordania ante o asasinato de Ismail Haniya, líder de Hamás

Os negocios destes territorios atópanse xa fechados ou en proceso de fechar, segundo relata a 'Nós Diario' a xornalista María Rúa.
Columnas de fume en Xerusalén Leste, esta cuarta feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Columnas de fume en Xerusalén Leste, esta cuarta feira. (Foto: María Rúa)

A poboación palestina dos territorios de Xerusalén Leste e Cisxordania realizará unha xornada de folga durante esta cuarta feira en contestación ao asasinato de Ismail Haniya, líder do Movemento de Resistencia Islámica (Hamás), nun ataque perpetrado na mañá desta mesma cuarta feira contra a súa residencia en Teherán, a capital de Irán.

Segundo relata desde o terreo a xornalista María Rúa a Nós Diario, os negocios destes territorios atópanse xa fechados ou en proceso de fechar. “A comunidade palestina, sexa ou non sexa seguidora do líder de Hamás, está moi enfadada, nun punto no que xa non soportan máis esta situación”, sinala esta fonte sobre o territorio.

 

Máis alá da opinión ou simpatía de cadaquén de cara a Hamás, para a poboación palestina Ismail Haniya “é un símbolo”, destaca a xornalista María Rúa a Nós Diario. “As mobilizacións van ser apoiadas polo pobo”, asegura sobre a xornada de folga convocada.

“Pode ser que nalgúns punto, sobre todo en Cisxordania, haxa manifestación e incidentes”, prosegue esta fonte. Pola súa parte, di, “Xerusalén está bastante militarizado, e en toda a parte leste, que é a parte palestina, todos os negocios están fechados ou en proceso de fechar, e veremos o que pasa na parte oeste”. “Isto pinta mal”, conclúe sobre a posibilidade de enfrontamentos entre o Exército israelí e a poboación palestina.

 

Máis concretamente, na zona de Xerusalén Leste, comézanse a ver columnas de fume saíndo das rúas da cidade. Estas columnas poderían estar provocadas (aínda que isto non pode ser corroborado polo momento por este xornal) por incendios provocados nos puntos de control, coñecidos como checkpoints, cos que Israel controla o movemento da poboación palestina.

“Toda a comunidade palestina espera que en cuestión de horas haxa unha resposta por parte de Irán ao ataque, e espérase que tamén Hezbolá realice operacións contra Israel”, subliña María Rúa. Neste sentido, o presidente de Irán, Masud Pezeshkian, asegura que "a ocupación terrorista arrepentirase" do asasinato de Haniye. O seu sangue "non será derramado en balde", engadiu.

 

O asasinato

Os Corpos da Garda Revolucionaria Islámica (CGRI) de Irán denunciaron o asasinato de Ismail Haniya, líder do Movemento de Resistencia Islámica (Hamás), nun ataque perpetrado na mañá desta cuarta feira contra a súa residencia en Teherán, informan medios locais.

"Esta mañá, a residencia de Ismail Haniya, xefe da oficina política da resistencia islámica de Hamás en Teherán, foi atacada, tras o cal tanto el como un dos seus gardacostas foron martirizados", sinala o comunicado dos Corpos da Garda Revolucionaria Islámica.

Comentarios