O TSXG estima totalmente a demanda do Comité Intercentros da CRTVG contra a supresión da xubilación parcial anticipada

"A CRTVG ten a obrigación de acceder á xubilación parcial anticipada e a formalización do correspondente contrato de substitución", sentencia o TSXG.
Sede central da CRTVG en San Marcos, no municipio de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sede central da CRTVG en San Marcos, no municipio de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) estimou totalmente a demanda do Comité Intercentros da CRTVG contra a supresión da xubilación parcial anticipada posta en marcha pola dirección da corporación dos medios públicos da Galiza.

“Que estimando a demanda presentada polos sindicatos CIG, CUT, UXT e CCOO, declárase que a CRTVG ten a obrigación de acceder á xubilación parcial anticipada e a formalización do correspondente contrato de substitución”, sentencia o TSXG.

Así debe ser, formula o tribunal, “sempre que se produza unha solicitude de persoa traballadora que cumpra os requisitos estabelecidos na lexislación vixente”. En consecuencia, o TSXG condena a entidade demandada a “axustar a súa conduta á declaración anterior”.

O pasado mes de abril o comité intercentros afirmou que a CRTVG recoñecía que as persoas en situación de xubilación parcial que están de baixa cobran menos do estabelecido. O Comité intercentros afirmaba que "a empresa nunha xuntanza co Comité Intercentros" recoñeceu esas irregularidades.

Este recoñecemento, indica a representación social, prodúcese "logo da reclamación realizada por un traballador", e que levou á dirección do ente público a admitir que "está a aboar incorrectamente as nóminas dos xubilados e xubiladas parciais en situación de IT (incapacidade temporal ou baixa laboral)".

Segundo o director de Recursos Humanos (RRHH), afirma o Comité, "o infrapagamento vense producindo desde xaneiro de 2016 e afectou todo o persoal incurso nesa casuística, que deixou de percibir cantidades mensuais considerábeis, de centos de euros, en función do nivel retributivo".

Comentarios