As mocidades de ERC ameazan con impedir que Illa sexa president por medio da súa deputada

Pere Aragonès demanda votar a favor do entendemento.

Mar Besses, deputada de Jovent Republicà no Parlamento catalán. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)
photo_camera Mar Besses, deputada de Jovent Republicà no Parlamento catalán. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)

Case 8.700 militantes de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) decidirán a sexta feira se dan luz verde ao preacordo asinado pola dirección co Partit dels Socialistes (PSC-PSOE) para apoiar a investidura do seu candidato, Salvador Illa, como president.

Despois de confirmarse o previsíbel pacto entre PSC e Comuns Sumar, a última palabra terana as bases da forza soberanista.

Unha deputada clave

Con todo, incluso no caso de que o documento sexa ratificado na votación, Jovent Republicà, as mocidades de ERC, decidiron que unha vez sexa público o resultado convocarán un Comitè Nacional extraordinario para decidir o sentido do voto da súa deputada, Mar Besses, imprescindíbel para que Illa sume os 68 apoios que marcan a maioría absoluta no Parlamento catalán, recolleu a quinta feira a prensa local.

Fontes da organización sinalaron ao portal VilaWeb que unha das opcións que teñen sobre a mesa é votar de maneira diferente a ERC.

Frear o unionismo

Nun comunicado en xuño xa reiterara a súa oposición a un pacto co PSC que derivase na investidura de Illa, asegurando que “o país non se pode permitir que o unionismo se apodere do Govern”.

O ex líder de ERC e aspirante a volver ser elixido pola militancia no cargo, Oriol Junqueras, evitou marcar posición de forma explícita a favor ou en contra do pacto, ao tempo que o presidente da Generalitat, Pere Aragonès (ERC), defendeu o voto favorábel posto que “supón un salto adiante sen precedentes” entre outras cuestións no que atinxe á “soberanía fiscal”, ao incluír o acordo que Catalunya recadará todos os seus impostos, e a secretaria xeral, Marta Rovira, subliñou que se acordou co PSC “alternativas legais” para garantir a implementación do novo financiamento.

Comentarios