O Luton, oportunidade de desquite para un Celta ferido

A escuadra olívica debe corrixir os erros de Lille.
Borja Iglesias, adestrando esta sexta feira en Kenilworth Road (Inglaterra). (Foto: RC Celta).
photo_camera Borja Iglesias, adestrando esta sexta feira en Kenilworth Road (Inglaterra). (Foto: RC Celta).

O Real Club Celta de Vigo pon este sábado punto e final á súa mini xira por Europa cun choque de carácter amigábel que o medirá co Luton Town inglés ás 16 horas da Galiza en Kenilworth Road, un dos estadios máis curiosos de Inglaterra, pois para acceder a unha das bancadas, a de Tribuna, os seareiros e seareiras deben atravesar o interior dos patios dunhas vivendas situadas a carón do recinto.

O encontro servirá a Claudio Giráldez para tratar de facer esquecer entre o público celeste as malas sensacións que ofreceron os seus homes a pasada segunda feira fronte o Lille, co que perdeu 3-1 en Francia exhibindo un "baixo nivel técnico, físico e táctico", nas propias palabras do preparador vigués.

"Temos moito que mellorar", admitiu un Giráldez que ve como pasan os días e as semanas pero non dan chegado unhas fichaxes que, como se encargou de evidenciar o Lille, son máis que necesarias tanto na portería -ante a lesión dun Guaita que sofre unha tendinopatía no seu ombreiro dereito e podería non estar en condicións de volver xogar no que resta de mes de agosto-, como na defensa e o centro do campo, sendo a única liña que semella cuberta a dianteira, con Aspas, Swedberg, Borja Iglesias -única incorporación do Celta até o momento- e un Tasos Douvikas que xa leva seis goles esta pretempada.

Enfronte terán un Luton Town que vén de descender á Championship desde a Premier League, a máxima categoría inglesa, como salientou na rolda de prensa anterior ao duelo Sergio Carreira, que tamén puxo en valor o "poderío físico" dun bloque que lles esixirá "traballar moito" para gañar.

O Dépor visita Chaves e o Fortuna colide co Lugo

Esta fin de semana tamén trae consigo outros dous partidos con equipos galegos das tres principais divisións do fútbol masculino estatal.

Así, o Deportivo, que como o Celta está inmerso nunha xira exterior -no seu caso en Portugal- baixa o pano da súa viaxe enfrontándose co Chaves ás 18 horas deste sábado no Municipal da cidade lusa, moi próxima á fronteira coa Galiza.

E, por outra parte, o filial celeste e o Lugo, dous dos representantes do país na Primeira Federación, porán a proba o seu traballo estival cun encontro programado ás 19.30 horas do sábado en Portonovo (Sanxenxo).

Comentarios