A caída das bolsas mundiais, encabezadas pola do Xapón, desata os temores dunha nova crise sistémica

O medo a que os Estados Unidos entren en recesión xera "vendas de pánico".

Caída no IBEX 35 na apertura da sesión da segunda feira, na que as bolsas mundiais rexistraron perdas. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Caída no IBEX 35 na apertura da sesión da segunda feira, na que as bolsas mundiais rexistraron perdas. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

A posibilidade dunha nova crise financeira xurdiu a segunda feira a raíz das baixadas concatenadas das principais bolsas do planeta. Como aconteceu coa crise, fenómeno derivado do sistema económico capitalista, de 2007, a situación dos Estados Unidos, o eixo principal deste sistema nos países occidentais ou aliados, está detrás. Neste caso concretamente o risco de que a súa economía entre 
en recesión.

A sexta feira activouse a 'regra Sahm', usada no país para predicir recesións, e que estima que acontecerán cando a taxa de desemprego medio do último trimestre supere en 0,5 puntos porcentuais o seu mínimo no último ano, sinalou Peter Garnry, estratega do banco de investimentos danés Saxo. Ese día publicouse que en xullo se incorporaron 114.000 persoas ao mercado de traballo estadounidense, por baixo das 175.000 que se agardaban, incrementando a 4,3% a taxa de desemprego, a máis alta desde outubro de 2021.

O índice xaponés Nikkei, o primeiro das grandes bolsas que abriu as súas portas, perdeu 12,4% do seu valor, a caída máis pronunciada nunha xornada desde 1987, após perder a sexta feira 5,8%. As bolsas de Corea do Sur e Taiwán replicaron a baixada deixándose máis de 8% e a de Australia case 4%. Nos principais mercados apenas o de Shanghai, na China, foi quen de reducir as perdas e fechou con -1,54%.

En Europa, xa nas primeiras horas tras a apertura das bolsas ficou claro que o ocorrido en Asia non se trataría dun caso illado, con case todos os mercados principais perdendo máis de 3%, como foi o caso do Estado español, o Reino Unido, Alemaña, Suíza ou Italia -rozando 4%-. Á vez, o ruso MOEX ou o francés CAC 40 lograban manterse con baixadas entre 2% e 3%.

Neste sentido, a expectación estaba posta nos índices dos Estados Unidos. Poucos minutos após iniciar a xornada, o Dow Jones caía case 3%, o S&P 500 máis de 4% e o Nasdaq 6%, coas empresas tecnolóxicas como grandes prexudicadas.

Con anterioridade, o índice VIX, usado como un ‘indicador de medo’ en Wall Street, ascendera ao seu nivel máis alto en catro anos, por riba do fixado o pasado ano tras o colapso de tres bancos estadounidenses e un suízo.

Garnry, que cualifica a situación como unha “tormenta perfecta”, debullou que, amais do referente á economía dos Estados Unidos, outros factores foron determinantes no sucedido, como que a finais de xuño o mercado de valores estadounidense alcanzou a súa maior concentración desde a década de 1930, causando que as decisións de poucas persoas xeren grandes flutuacións.

Tamén apuntou cara ás fortes subas na cotización nos últimos meses das empresas tecnolóxicas relacionadas coa intelixencia artificial, no marco do que a financeira UBS sostén que moitos fondos de investimento “comezaron a perder a paciencia” polos atrasos á hora de monetizar as súas achegas e entre temores de que se estea a desenvolver unha burbulla. Ao respecto, Samer Hasn, analista de XS.com, engade o “aumento das tensións xeopolíticas en Oriente Medio”.

En paralelo, Fawad Razaqzada, analista de City Index e Forex.com, quen asegura que “non hai sinais de que as turbulencias vaian diminuír”, sinala directamente o carry trade. Este mercado é descoñecido para o público xeral como acontecía co dos derivados financeiros, cuxo valor suma varias veces o do PIB mundial, e que foi chave na crise de 2007.

O carry trade consiste en endebedarse en moedas cun tipo de xuro baixo, como o ien, e usar os fondos para comprar activos en moedas cun tipo alto, como o dólar estadounidense ou o euro, para quedar co valor da diferenza nas taxa de xuro. A suba a pasada semana da taxa xaponesa, que estaba practicamente en cero, causou fortes perdas aos fondos que apostaron por esta vía para obter beneficios.

A suba dos tipos de xuro, impulsada co gallo da alza da inflación que se estendeu nos países capitalistas desde a Covid-19, encarece os préstamos e reduce o poder adquisitivo da poboación, moderando o crecemento económico e permitindo á banca obter grandes beneficios se, como no caso do Estado español, só trasladan a suba das taxas a créditos e hipotecas mais non aos depósitos, algo que chegou a cuestionar o Banco Central Europeo.

Evitar o pánico

A semana pasada o ex presidente da Reserva Federal estadounidense, William Dudley, advertiu de que o atraso en rebaixar os tipos de xuro podería ser un erro, e a segunda feira xa se daba por segura unha baixada en setembro e non se descartaba que se produza a vindeira semana. “A Reserva Federal non quere parecer presa do pánico”, subliñou á axencia Bloomberg Michelle Girard, da financeira Natwest Markets.

Sexa como for, e a pesar do peso que ten a bolsa na percepción da situación económica nos Estados capitalistas, especialmente pola participación directa nela de grandes empresas con vínculos co poder político, o premio Nobel de Economía Paul Krugman incidira, logo da marcada diverxencia entre os datos dos mercados de valores e da economía real nos primeiros compases da pandemia, en que “a bolsa non é a economía”, facendo énfase en que o desempeño destes mercados está “impulsado en gran medida pola oscilación entre a cobiza e o medo”.

Golpe ao mercado das criptomoedas

As criptomoedas, un dos elementos máis novidosos no sistema capitalista e que se enmarcan na falta de regulación estatal na economía, tamén sentiron o impacto. A principal, Bitcoin, perdeu 16% e Ethereum 23%. Outras como Solana, XRP ou Dogecoin perdían entre 16% e 21% do seu valor. Nas últimas xornadas, Bitcoin acumula unha caída de 30%.

Incluso os valores considerados refuxio, como o ouro ou a prata, caían 3% e 5% respectivamente, ao verse obrigados os fondos de investimento a tratar de obter a máxima liquidez posíbel para intentar diminuír a exposición ás perdas, nunha vaga de movementos financeiros que Kyle Rodda, analista de capital.com, considera “vendas de pánico”.

Comentarios