Recrúan as protestas en Bangladesh: cando menos tres mortes e decenas de feridos nas últimas horas

O Goberno cortou as redes 4G mentres o Tribunal Supremo ve “innecesario” promulgar unha orde para que a Policía non dispare a matar.

Protesta decorrida este sábado, 3 de agosto, en Chittagong, Bangladesh. (Foto: Europa Press / Contacto / Md Zakir Hossain)
photo_camera Protesta decorrida este sábado, 3 de agosto, en Chittagong, Bangladesh. (Foto: Europa Press / Contacto / Md Zakir Hossain)

Cando menos tres persoas faleceron e decenas resultaron feridas desde primeira hora deste domingo polo reinicio das protestas en varios puntos de Bangladesh, no marco dunhas mobilizacións estudantís que comezaron a inicios do mes pasado contra un xa suspendido sistema de cotas laborais en postos de traballo públicos e que, tras días de relativa calma, ganaron forza de novo. Agora teñen o Goberno como obxectivo xeneralizado.

Este domingo, os peores enfrontamentos tiveron lugar na cidade de Munshiganj, nas inmediacións da capital. Dacá, onde os movementos estudantís que abandeiran as protestas acabaron enfrontados con simpatizantes do partido do Goberno, a Liga Awami, e a súa sección xuvenil, a Liga Chhatra. O diario Protom Alo puido confirmar polo menos dúas persoas falecidas e medio cento de feridas.

A terceira persoa falecida confirmouna precisamente un líder da Liga Chhatra. Mehedi Hasan faleceu na localidade de Magura, a 175 quilómetros ao sueste de Dacá, de acordo con fontes das forzas de seguridade que terían confirmado o acontecido á filial bangladeshí da cadea británica BBC. A isto hai que engadir enfrontamentos confirmados en varios barrios da capital e en localidades como Chittagong.  

Cortes no 4G

Mentres, as operadoras de telecomunicacións indicaron á cadea TBS News e ao diario The Daily Star que recibiron orde de suspender a comunicación por internet 4G, no que podería tratarse dun preámbulo de novas restricións como as que impuxo o Goberno durante o apoxeo das protestas contra o sistema de cotas ao funcionariado.

Con todo, as protestas deixaron de dirixirse ao sistema de cotas —que reservaba até un 30% de prazas a descendentes de combatentes da guerra da Independencia, criterio que para o estudantado supuña un acto de discriminación— para acabar centradas na figura da primeira ministra de Bangladesh, Sheij Hasina, e denunciar unha represión policial que deixou entre 147 e máis de 200 persoas mortas (segundo datos do Goberno ou dos activistas) durante as manifestacións do mes pasado.

Hasina ofreceuse a falar coas manifestantes pero a organización das protestas rexeitou a súa oferta e exixe no seu lugar unha desculpa pública, que castigue os responsábeis da represión e cese varios dos seus ministros, entre eles os do Interior, Educación e Xustiza.

Neste contexto, o Tribunal Supremo do Estado viu innecesario ordenar á Policía que non dispare a matar ao entender que as leis xa o estabelecen así. A corte rexeitou unha petición presentada polos dous maxistrados do alto tribunal, Manzoor Al Mateen e Ainunnahar Siddiqa, que vían imprescindíbel deixar por escrito e de maneira específica que as forzas de seguridade teñen terminantemente prohibido abrir foto contra as manifestacións, dadas as numerosas acusacións vertidas desde as organizacións humanitarias e os propios activistas.

Comentarios