Paula Merlán: "Cando levo os meus libros ao meu alumnado, danse de conta de que tamén poderían escribir"

Paula Merlán (Vigo, 1979) é a autora de Uxía e o mar, un álbum ilustrado por Terteres e publicado por Xerais e que segue a emocionante viaxe dunha nena até chegar ao mar, o seu maior soño.
Sen titulo
photo_camera Paula Merlán é escritora. (Foto: Nós Diario)

Cal foi a idea que a levou a escribir 'Uxía e o mar'?

Adoro o mar. Sempre vou coa miña familia, tanto no inverno como no verán. A raíz dalgunhas noticias que vin na prensa que falaban de persoas que viran o mar por primeira vez sendo xa maiores, ocorréuseme escribir algo similar. Tiña ganas de escribir unha historia que estivese ambientada no mar e iso deume a pista para crear unha arredor da motivación que levaría unha persoa ver o mar e cales serían as súas sensacións ao velo por primeira vez. Claro, para min é algo natural, mais quería pórme na pel das persoas que o viran por primeira vez xa de adultas, aínda que a protagonista é unha nena. Aínda así, creo que reflicte esas sensacións e a motivación de perseguir ese soño. 

Como foi o traballo coa ilustradora, Mónica Fernández (Terteres)?

Eu fun escribindo o texto inicial e máis adiante foi cando a coñecín na Semana do Libro de Compostela en 2018, cando eu estaba presentando outro libro. Este foi un proxecto que se foi elaborando con tempo e con mimo. Estivemos en contacto en todo momento. 

Ela comentábame as ideas que tiña para facer o que sería a primeira mostra da ilustración. Démoslle moitas voltas porque eu tiña escrita unha primeira versión, mais logo decidín cambiar un pouco a historia e isto provocou tamén un cambio no ton da ilustración. Foi un proceso longo, mais tamén moi bonito. Máis adiante foi cando xurdiu a oportunidade de publicar con Xerais e iso para min xa foi un soño feito realidade. 

Neste tipo de obras a ilustración é importantísima e o ideal é que as imaxes sexan quen de falar por si mesmas. As ilustracións de Terteres teñen algo de poesía, e aínda que traballamos xuntas nesa primeira mostra, logo foi ela quen lle foi dando forma a todo. 

Está traballando nalgún proxecto?

Sempre estou. Este outono publicaranse dous libros, que xa podemos dicir que están rematados. Mais tamén estou traballando nun libro informativo que se publicará coa editorial Cumio. Está centrado na música desde un punto de vista ameno e divertido para as crianzas. Agora mesmo é no que máis tempo estou investindo porque este tipo de obras tamén requiren máis tempo de investigación e de revisión. Levo publicando desde hai doce anos e estou moi satisfeita con como sucederon as cousas, porque eu nunca pensaba que este camiño podía ser así. Ter un libro publicado naquel entón xa me parecía algo extraordinario e moi complicado, sobre todo porque eu adoro moito o labor de creación dos autores e, de primeiras, non me parecía que puidese estar á altura. Foi todo a base de traballo e esforzo. Traballar co meu alumnado no colexio axudoume moito a coller inspiración para escribir. 

Ademais, a literatura infantil é moi agradecida, non?

Totalmente. As crianzas son moi sinceras, dinche todo o que lles gusta e todo o que non. Sempre me atopo con crianzas moi motivadas, con moitas ganas de escoitar os contacontos cando fago presentacións nas librarías ou nas bibliotecas. Precisamente, o 7 de setembro estarei na Biblioteca Ánxel Casal (Santiago) facendo unha actividade con Uxía e o mar. Nas feiras tamén lles fai moita ilusión levar o libro asinado. 

Por outra parte, tamén percibo que é moi motivador para o meu alumnado cando levo os libros que vou publicando. Danse de conta de que ao mellor nalgún momento tamén poderían escribir. 

Máis en CULTURA
Comentarios