Fruga lamenta que sexan as industrias quen “planifican” o sector lácteo galego

A organización critica a “deixadez de funcións” do Goberno galego.

A Xunta acaba de denegarlles a 637 granxas a axuda de xestión sustentábel de pastos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vacas nun prado na Galiza. (Foto: Nós Diario)

A Federación Rural Galega (Fruga)  denuncia que industrias como Lactalis “deixan de recollerlle o leite a un grupo de gandeiros e gandeiras de distintas comarcas do país. Estamos a falar  dunha industria láctea de capital francés, que non  lle quer renovar o contrato a gandarías das comarcas de Ancares, Tabeirós, e Ordes”.

Fruga indica que esta industria xustifica esa decisión con argumentos como que “estas explotacións non cumpren as novas normativas da UE, ou simplemente que por razóns de carácter loxístico non lles interesa seguir recollendo leite nestas explotacións”.

Nalgunha comarca do país, sinala a organización agraria, actualmente a produción de leite concentrase en moi poucas explotacións, como é o caso de Ancares. “Estamos a falar de ganderías totalmente sustentábeis, e que maioritariamente optaran polo pastoreo para a alimentación do gando. Nestes casos a produción leiteira significaba unha fonte de ingresos directa, ao   tempo que contribúen a xerar unha serie de postos de traballo indirectos, que dalgunha forma favorecen manter un medio rural vivo e con actividade agro-gandeira”.

Fruga considera que a industria láctea, con estes procedementos, “é quen realmente está a reestruturar este sector, alimentando o abandono de certas granxas, e o mesmo tempo favorecendo a ampliación e concentración de outras en concellos do país con menores custos de recollida e transporte do leite”.

En consecuencia, din, “estamos a asistir como moitos concellos do país xa non teñen produción de leite, e en outros nos que existe un escaso número de gandeiros e gandeiras, e con producións menores, as propias industrias están favorecendo o seu abandono”.

Perante tal situación, “comprobamos unha vez máis como a Consellaría do Medio Rural mira para outro lado, sen tomar ningún tipo de medidas que impidan estas prácticas da industria, tendo en conta que este fenómeno pode ir a máis, e pode favorecer o abandono máis rápido da produción de leite en certas comarcas do país”.

Comentarios