Desde este sábado hai un contrato homologado a disposición das adegas e do sector viticultor para validar a compra de uva e de viño. Ambas as dúas ordes publicáronse o sábado no Boletín Oficial do Estado (BOE) e entrarán en vigor o 1 de agosto.
O Ministerio explicou esta segunda feira, a través dun comunicado, que a iniciativa realízase a proposta da Organización Interprofesional do Viño do Estado español (OIVE), mais o certo é que as organizacións agrarias levaban anos reivindicando que se aprobase a medida, aínda que botan en falta que estea acompañada doutras actuacións, como a volta da Mesa do Viño, que, no caso galego, implicaría a Xunta da Galiza.
O MAPA informa de que o obxectivo destes modelos de contratos, de uso voluntario, é “mellorar o funcionamento, a estabilidade e a transparencia da cadea de valor do sector vitivinícola”. Entre outras cláusulas, os documentos tipo estabelecen o obxecto, o prezo, a forma e condicións de pago e entrega, a calidade, a trazabilidade, a duración e prórroga, e os mecanismos para resolver controversias. "Os operadores poderán acordar a vixencia do contrato para varias campañas, promover así a adopción de contratos plurianuais e favorecer a estabilidade necesaria no sector vitivinícola", asegura o Ministerio.
Recuperar a Mesa do Viño
Desde a Asociación Galega de Viticultura (AGV-Fruga), o seu presidente, Roberto Rivas, asegura a Nós Diario que estes contratos “non terán repercusión nos prezos” e, por depender da cadea alimentaria “só servirán para garantir a data de cobro”. Aínda que admite que “o prezo nunca pode estar por debaixo do custo de produción”, este sindicalista aclara que “na Galiza non existe ningún organismo que garanta" o cumprimento da lei.
Por este motivo recoñece que dependerá “das adegas que compran a uva”. Diante desta situación, lembra que durante o Goberno bipartito “había contratos homologados cunha tarifa marcada pola Mesa do Viño, que estabilizaban os prezos”. A solución, para a AGV-Fruga, é que se reúnan de novo "estas mesas en cada Consello Regulador para marcar uns prezos mínimos que se discutirían entre as asociacións de adegueiros e sindicatos".
En opinión do responsábel da sectorial do viño de Unións Agrarias (UUAA), Carlos Basalo, "é unha boa noticia contar cos modelos de contratos, que non se xogue con cláusulas opacas e saber de onde vén a uva" mais lembra, en declaracións a Nós Diario, que "pola lei de calidade agroalimentaria xa tiña que facerse a compra con documentos entre as partes".
Coincide en reclamar unha mesa de negociación, unha proposta "que a Xunta hai tempo que desbotou, deixando os viticultores indefensos" por non entrar "dentro do seu modelo para o viño". Basalo lembra, por último, que non hai "un Observatorio do Viño para non vender a perdas, algo necesario para cando veñan épocas peores que a actual".