CCOO denuncia "risco de morte" pola calor no sector naval

A situación climatolóxica pode traer consecuencias na saúde de traballadoras e traballadores. Por este motivo, o sindicato CCOO presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS) polo que entenden son “condicións extremas que se están a vivir nos estaleiros e que supoñen un risco inminente e reiterado debido ás altísimas temperaturas” no sector naval. 
Traballador do naval vigués (Foto: Nós Diario).
photo_camera Traballador do naval vigués (Foto: Nós Diario).

As altas temperaturas deste verán na Galiza aumentaron o risco de problemas de saúde en determinados postos de traballo.

Desde CCOO Industria de Vigo, ante esta situación climatolóxica, presentaron unha denuncia ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS) polo que entenden son “condicións extremas que se están a vivir nos estaleiros e que supoñen un risco inminente e reiterado debido ás altísimas temperaturas”. 

A través dun comunicado, alertan que neste sector, onde traballan miles de persoas, hai labores que se realizan “en espazos confinados, en dobres fondos, ou os traballos a pleno sol, cargados con material, fundas, roupa ignífuga, mandil de soldadura, luvas, casco, pantalla facial e máscaras”.

Esta circunstancia fai “que as temperaturas corporais dos traballadores e traballadoras se disparen, supoñendo un risco para a saúde, en forma de caídas, desmaios ou golpes de calor que poden rematar inclusive coa morte”. 

CCOO critica que as direccións das empresas “dan prioridade á produción e aos seus beneficios a custa da saúde do conxunto da clase traballadora e continúan sen tomar medidas”, polo que urxen, como primeiro paso, implantar a xornada continua de 7 a 15 horas e protocolos para minimizar os riscos.

Comentarios