A cadea de valor na transición enerxética

Colectivo Bidán está formado por Quico da Silva e Fernando Branco.
O Centro de Investigación en Almacenamento de Enerxía Gune, no municipio de Gasteiz, en Euskadi. (Foto: CIC Energi Gune)
photo_camera O Centro de Investigación en Almacenamento de Enerxía Gune, no municipio de Gasteiz, en Euskadi. (Foto: CIC Energi Gune)

A transición enerxética propón un serie de cambios profundos en todos os ámbitos, modificando o noso modo de vida presente e futuro. Sorprende logo que a UE, como impulsora, non planificase e aproveitase todos os elementos precisos para esta gran transformación, evitando unha transición a novas dependencias.

Baixo a consigna de enfrontar o cambio climático, a necesidade prioritaria e urxente que temos hoxe como humanidade agóchase, cando menos no caso da UE, a obriga derivada da súa enorme dependencia enerxética que a guerra da Ucraína foi quen de evidenciar.

O abandono consciente e voluntario por parte da UE da fabricación dos bens de consumo e industriais en favor da China tivo continuidade co Pacto Verde de substitución das fontes enerxéticas, cuxa discusión e planificación foi publicitada, anunciando as súas feblezas e necesidades, das que en especial a China tomou nota.

Tal procura desesperada e urxente pola suficiencia enerxética está a levar Europa a novas dependencias, tecnolóxica e das materias chamadas críticas precisas, nunha interrelación entre elas moi cambiante que, ademais dunha verdadeira inseguridade (económica), provoca saídas e entradas na listaxe das materias; dende 2010, tense rexistrado un aumento do 50% de materias críticas para a nova xeración enerxética, que demanda eficiencia e investigación para a substitución por outras máis abundantes. En determinadas tecnoloxías de xeración eléctrica, con base en renovábeis, Europa non pinta ren.

E a China, con pasos moi importantes na descarbonización, cun calendario máis longo co europeo, ten os deberes feitos no campo tecnolóxico e no aprovisionamento das materias críticas, tanto dentro das súas fronteiras como fóra, nun réxime case que de monopolio na maioría delas. Non é China a abandeirada da loita contra o cambio climático, mais si o contraste da planificación da UE.

Almacenamento

Máis preto de nós, Estremadura e o seu Centro Ibérico de Investigación no Almacenamento Enerxético, cuns 80 millóns de euros anuais de fondos públicos e con máis de 80 investigadoras, prepárase “para dar resposta tecnolóxica e científica á xestión da enerxía verde”. Tamén Euskadi, con toda a rede pública e privada, de referencia para nós, “en colaboración coas súas empresas para que sexan máis competitivas e xeren máis riqueza e emprego”, con algún centro de investigación aplicada e desenvolvemento tecnolóxico que ten máis de 1.500 empregos, case 10.000 clientes empresarias, e uns 140 millóns de euros de facturación.

E mentres, na Galiza, cuns dos mellores recursos renovábeis, co 83% dos seus concellos con algunha instalación de xeración eléctrica, e coa maior densidade (MW/km2) de eólicos do Estado, ocupa a posición 154 da clasificación de innovación das 239 zonas europeas, moi por debaixo de Euskadi, Madrid, Nafarroa ou Catalunya, coa perda de talento e emprego cualificado propio da I+D+i e da súa aplicación tecnolóxica. 

O sector enerxético fica fóra dos dez que máis apostan pola I+D+i 

Co sector enerxético fóra dos dez sistemas produtivos galegos por esforzo en I+D+i, contamos cunhas 135 empresas de produción de electricidade cun ingreso total que supera os 1.000 millóns de euros e que ocupan unhas 200 persoas (cunha ratio de emprego por empresa de 0,5 na eólica), mais só unha dentro das 48 empresas galegas máis innovadoras, segundo o informe Ardán, evidencia do novo colonialismo e da nova dependencia.

Cunha diminución importante na demanda eléctrica, Galiza cumpre hoxe os obxectivos en enerxías renovábeis que marca o Plan nacional integrado de enerxía e clima (Pniec) para 2030. Logo deberíamos ter tempo para repensar o desenvolvemento futuro, sabendo que segundo avance a descarbonización da nosa economía e recuperemos consumo, imos necesitar máis renovábeis, polo que debemos priorizar unha maior autonomía tecnolóxica na cadea de valor da transición enerxética, en especial no almacenamento, solución tamén aos impactos ambientais.

O referido informe subliña a necesidade de “que a transición enerxética sexa ordenada e que o desenvolvemento industrial que supón repercuta no territorio”, para concluír que "o intelixente é que o rol de Galiza vaia moito máis alá do territorio para a instalación de renovábeis, desenvolvendo un complexo industrial neste ámbito definido de forma extensa, para incorporar as actividades de I+D+i”, o que precisa dunha integración de políticas enerxéticas, industriais, ambientais, e, sobre todo, sociais.

De ser quen de avanzar nisto, ademais de sermos corresponsábeis na loita contra o cambio climático, darémoslle ao país todo o valor engadido deste cambio de paradigma no modelo enerxético.
 

Comentarios