Puigdemont pon de novo en cuestión a calidade democrática do Estado español

O movemento político protagonizado esta quinta feira polo ex president catalán Carles Puigdemont ten derivadas tácticas e estratéxicas. Nun escenario e no outro o político nacionalista amosa a súa capacidade para definir o temario político e facer aflorar as fallas do réxime
EuropaPress_6145317_expresidente_generalitat_catalunya_carles_puigdemont_aplaude_acto
photo_camera Carles Puigdemont, onte, dirixíndose ás persoas presentes no acto de recibimento no Arc de Triomf de Barcelona. (foto: Europa Press).

Carles Puigdemont volve marcar os temas e os tempos da política do Estado español. O retorno na xornada desta quinta feira a Catalunya desde o exilio en Bélxica do antigo president da Generalitat e a súa negativa a deixarse deter polas forzas de seguridade, tal como se avanzaba nos últimos días, permite ao nacionalismo situar no centro do debate o dereito a decidir e, sobre todo, denunciar as carencias democráticas do Estado español, como consecuencia da negativa da maioría da xudicatura a aplicar a Lei de amnistía aprobada polo Congreso dos Deputados o 30 de maio.

A defensa do dereito de autodeterminación de Catalunya foi un dos eixos da intervención de Puigdemont diante das miles de persoas que se concentraban para recibilo no Arc de Triomf de Barcelona. "Hoxe vin aquí para lembrarlles que aínda estamos aquí porque non temos dereito a renunciar. Porque o dereito á autodeterminación perténcelles aos pobos, perténcelle á xente que vive neses pobos, por tanto ninguén desde a política ten dereito a renunciar a un dereito que é colectivo, o dereito do pobo de Catalunya a decidir libremente o seu futuro”, expresou o dirixente nacionalista, que cuestionou a calidade da democracia española.

A este respecto, asegurou que “non nos interesa estar nun país no que as leis de amnistía non amnistían" e manifestou que “nestes sete anos a represión fixo estragos e seguirá facéndoos mentres non se acabe a politización da xustiza, mentres catro xuíces manden máis que un parlamento, mentres se permita ao PP controlar a Sala Segunda do Tribunal Supremo pola porta de atrás e se permita que Vox exerza a acusación particular para perseguir rivais políticos”.

"A Lei de amnistía tiña que servir para devolver á política aquilo que nunca se tivo que ir da política, pero a uns cantos señores do Tribunal Supremo iso non lles gusta nin lles convén”, apuntou Puigdemont, quen subliñou “que un país onde as leis de amnistía non amnistían ten un problema de natureza democrática". Con estas palabras, o antigo president catalán recuperou unha das liñas argumentais máis empregadas polo nacionalismo durante o procés, que pasaba por ligar a negativa do Estado a permitir o dereito a decidir de Catalunya co carácter non democrático deste como herdeiro da ditadura franquista.

A decisión de Puigdemont de non deixarse deter e fuxir unha vez rematado o acto político decorrido no Arc de Triomf de Barcelona foi unha das grandes sorpresas da xornada. Malia que nas últimas semanas desde o círculo do antigo president deron a entender a súa detención unha vez retornado a Catalunya, finalmente a táctica era outra.Neste sentido, un dos avogados do equipo xurídico de Puigdemont, Jordi Cabré asegurou ao dixital elnacional.cat que a “misión do president co seu retorno a Catalunya non era nin facerse deter nin boicotear ningunha sesión de investidura”. A este respecto, asegurou que “evidentemente, é unha misión que non se cinxe a mañá, nin a unhas horas e pode ter moitas secuelas xurídicas e políticas”.

Ante 300 axentes

A fuxida do político nacionalista produciuse diante de máis de 300 axentes de seguridade que custodiaban o espazo comprendido entre o Arc de Triomf e a sede do Parlamento de Catalunya, en Barcelona. Tras subir a un automóbil branco, cuxo dono foi detido posteriormente e resultou ser un membro dos Mossos d’Esquadra, Puigdemont abandonou o lugar cara a un destino descoñecido. Precisamente, a Policía catalá despregou a partir das 10.40 horas a denominada "Operación Gaiola", só suspendida entre as 13.50 e as 15.35 horas, co obxectivo deter o ex presidente e provocou importantes retencións nas estradas catalás. A media tarde, Puigdemont subiu unha mensaxe á súa conta de Instagram onde recolleu diversas imaxes do acto de recibimento de pola mañá coa lenda de “aínda estamos aquí”.

O operativo desenvolvido polos Mossos d’Esquadra para deter a Puigdemont e clarificar os supostos da súa fuxida inclúen a chamada a declarar de funcionarios públicos e responsábeis políticos. Segundo se coñeceu na tarde da quinta feira, a Comisaría Central de Investigación ditou orde para que prestasen testemuño varios Mossos d’Esquadra que realizan labores de escolta dos deputados de Junts, un integrante do corpo de bombeiros e o secretario xeral de Junts, Jordi Turull, quen supostamente acompañou o ex presidente catalán no comezo da súa fuxida. Pola súa parte, os dous mossos d’esquadra detidos durante a a xornada da quinta feira en relación coa fuxida de Puigdemont reclamaron  que se lles aplicará o habeas corpus.

Reaccións

O retorno a Catalunya e posterior marcha do dirixente nacionalista centrou a actualidade política e informativa ddesta quinta feira. Así, o presidente estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo, cualificou o acontecido como “unha humillación insoportábel” e, na mesma liña, o líder da ultraespañolista Vox, Santiago Abascal, denunciou “unha humillación a todos españois”. Tamén se manifestaron no mesmo sentido outros dirixentes destes dous partidos, como o presidente galego, Alfonso Rueda, quen asegurou que “o que esta vivindo Catalunya é un esperpento”. Pola súa parte, dirixentes das formacións que conforman o Executivo de coalición no Estado, PSOE e Sumar, evitaron facer valoracións do sucedido

Illa, investido president de Catalunya nunha sesión marcada polo 'lawfare'

O retorno e posterior fuxida de Carles Puigdemont pairou sobre a sesión de investidura do candidato socialista Salvador Illa que se desenvolveu na quinta feira no Parlament de Catalunya e que saíu adiante cos 68 sufraxios do PSC, de ERC e dos Comúns, votando en contraJxCat, PP, Vox, CUP e Aliança catalana. Precisamente, o novo president do Executivo catalán arrancou a súa intervención reclamando unha aplicación "áxil, rápida e sen subterfuxios" da Lei de amnistía e demandando o "restabelecemento íntegro da totalidade dos dereitos políticos de todos os cidadáns de Catalunya".

O voceiro de Junts per Catalunya, Albert Batet, contestou a Illa afirmando que "os xuíces e o poder xudicial amósase pasivos" e preguntándose "se vivimos nun Estado democrático ou nun Estado xudicial". Ao tempo, ERC, principal sostén de Illa na Cámara, a través do seu portavoz, Josep Maria Jové, indicou que “o president Puigdemont non ocupou o seu escano por unha aberración democrática”. Na mesma dirección, as representantes de Comuns e da CUP, Jessica Albiach e Laia Estrada respectivamente, denunciaron tamén o lawfare xudicial.

As voces discordantes contra a posición da Administración de xustiza chegaron da man do PP e de Vox. A este respecto, o voceiro da primeira formación, Alejandro Fernández, acusou os socialistas de “darlle a chave da política española a alguén como Puigdemont”. Pola súa parte, o portavoz do partido ultraespañolista, Ignacio Garriga, avanzou que “presentaremos unha denuncia contra todo o mundo que axudara a Puigdemont”.

Comentarios