A vicepresidenta do Ecuador acusa o mandatario conservador Daniel Noboa de persecución e acoso

O presidente busca evitar delegar a Presidencia en Verónica Abad.
Verónica Abad (centro). (Foto: Vicepresidencia do Ecuador).
photo_camera Verónica Abad (centro). (Foto: Vicepresidencia do Ecuador).

“Hoxe responsabilizo moito máis o presidente [do Ecuador] Daniel Noboa Azín e os seus ministros por calquera atentado ou ataque contra min ou contra a miña familia, ou contra o equipo de traballo próximo que teño”, sostivo en declaracións recollidas a quinta feira pola canle Deutsche Welle a vicepresidenta do país americano e embaixadora en Israel, Verónica Abad, nunha comisión parlamentaria que investiga irregularidades na Administración.

Abad responsabilizou o mandatario conservador de abuso de poder e acoso para forzala a que dimita logo de que a súa relación se deteriorara durante a campaña electoral das presidenciais de 2023, co fin de non ter que entregarlle temporalmente a xefatura do Estado, como sinala a lexislación local, durante a campaña electoral na que buscará a reelección en 2025.

Nesta pugna se enmarca a súa designación como embaixadora ante o réxime israelí, pois de terse negado abriría a porta á súa destitución.

Noboa tamén intentou que o lexislativo a sometese a un xuízo político entre acusacións por exixir pagos para conseguir un posto de traballo.

A vicepresidenta reiterou que “temo pola miña vida” e denunciou a “violencia política” por parte do presidente, subliñando que se sinte “ameazada” e que foi perseguida da mesma maneira que as persoas que colaboran con ela, que “tiveron que cambiarse de domicilios” e padeceron “ataques cibernéticos”.

Xuízo político

Ao tempo, a comisión de Fiscalización da Asemblea Nacional ecuatoriana comezou o proceso do xuízo político contra a titular de Interior, Mónica Palencia, polo asalto policial á embaixada de México en Quito, a capital do país, en abril deste ano, que causou unha crise bilateral.

Comentarios