París 2024 | VÍDEO

A CONTRACRÓNICA | Moitas emocións en moi poucos segundos e a relatividade do éxito e o fracaso

Xornada de emocións encontradas para o piragüismo galego, que hoxe marchou de Vaires-sur-Marne con dous bronces e un diploma olímpico.
"Tío, que somos de bronce!", berroulle Diego Domínguez a Joan Antoni Moreno nada máis cruzar a meta. (Foto: AFP7 / Europa Press)
photo_camera "Tío, que somos bronce!", berroulle Diego Domínguez a Joan Antoni Moreno nada máis cruzar a meta. (Foto: AFP7 / Europa Press)

O vivido hoxe no estadio náutico de Vaires-sur-Marne para o piragüismo galego foi o mellor exemplo do que é o deporte de elite. Euforia desenfreada primeiro, un pequeno baixón emocional despois e volta á alegría... pero máis comedida —algo parecido a cando alguén che pregunta "que tal?" e respondes cun "bueno"—. E todo iso en menos de media hora. Dá para a terceira parte da película Inside Out.

Comezamos a mañá cun enorme éxito á par que inesperado: o bronce do padexeiro madrileño-groveiro Diego Domínguez, que xunto ao balear Joan Antoni Moreno, con quen leva menos de nove meses formando parella, sorprendeu a propios e estraños, e a eles mesmos, facéndose co bronce no C2 500 masculino. "Tío, que somos bronce!", díxolle Domínguez a un incrédulo Moreno nada máis cruzar a meta. Unha hora despois o padexeiro do Club Breogán do Grove xa non tiña voz de tanto berrar para celebrar un debut olímpico inmellorábel cun bronce que celebrou como o máis pesado dos ouros.

E de aí pasamos á visíbel tristura, aínda que a intentasen camuflar, nos rostros da canguesa Teresa Portela, a pontevedresa Carolina García, a asturiana —con licenza galega— Sara Ouzande e a estremeña Estefanía Fernández. Viñan a París con ganas de comer o mundo, e despois da súa excelente regata nas semifinais parecían serias candidatas mesmo ao ouro. Pero non puido ser.

Acabaron sextas, cun máis que meritorio diploma olímpico, pero resultaba evidente só con miralas que non abondaba para un equipo tan ambicioso liderado pola maior lenda do olimpismo galego até a data —quen quere seguir dando guerra, quen sabe se nos seus oitavos Xogos—. Canto máis arriba te ves, máis dura é a caída, igual que se partes de abaixo é moito máis gratificante o ascenso.

E cunha sensación agridoce marcharon de Vaires-sur-Marne o betanceiro Carlos Arévalo e o cangués Rodrigo Germade, que conseguiron a súa segunda medalla, un bronce, tras a prata de Toquio 2020. Botaron os restos no K4 500 que comparten con Marcus Cooper e Saúl Craviotto e voaron sobre a canle de augas tranquilas nunha regata que comezaron liderando, pero tamén o fixeron Australia e Alemaña.

"Entramos terceiros e queriamos pelexar polo ouro. Ao principio houbo algo de tristeza, pero agora temos a euforia de conseguir outra medalla olímpica sabendo que demos o 100% nunha regata moi dura", dixo Arévalo, sobre as moitas emocións que viviron nesta frenética mañá.

O éxito é tan relativo... Quen non daría todo por ter simplemente a oportunidade de participar nuns Xogos Olímpicos, aínda que for ficando na última posición? Estes días as redes recuperaron e fixeron viral un vídeo do atleta David Katoatau, de Kiribati, que en Rio 2016 nin cheirou as marcas que se achegaban ás medallas ou os diplomas olímpicos en halterofilia, pero unha vez eliminado comezou a rir e bailar ante o público alí presente.

E esta mesma quinta feira a propia Teresa Portela deixábanos unhas sabias palabras que convidan á reflexión: "Estar nuns Xogos significa estar entre as dez mellores do mundo, e agora mesmo somos as sextas". E tiña razón, porque moitas veces esquecemos o que supón o deporte de elite, en especial en deportes minoritarios —ou minorizados— como o piragüismo.

Horas e horas dedicadas cada día a traballar máis duro que ninguén que logo se reducen a uns poucos segundos de competición. O máis mínimo erro, calquera pequeno detalle, pode tirar pola borda o traballo de catro anos. A fina —finísima— liña entre o éxito e o fracaso, unha palabra que a propia Portela asegura non ter no seu vocabulario: "Fracasar é non intentalo", afirma.

Comentarios