París 2024 | Piragüismo

Diploma olímpico para o K4 500 de Teresa Portela, Carolina García, Sara Ouzande e Estefanía Fernández

O seu caiac saíu ben, colocándose en segunda posición, pero foi quedando rezagado ante o empurre sobre todo de Nova Zelandia, Alemaña e Hungría, que acabaron levando ouro, prata e bronce, respectivamente.
O K4 500 de Sara Ouzande, Estefanía Fernández, Carolina García e Teresa Portela, esta terza feira, en Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 / Europa Press)
photo_camera O K4 500 de Sara Ouzande, Estefanía Fernández, Carolina García e Teresa Portela, esta terza feira, en Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 / Europa Press)

Non puido ser. O K4 500 das galegas Teresa Portela e Carolina García e a asturiana con licenza galega Sara Ouzande, xunto coa estremeña Estefanía Fernández, acabou sexto na final desta quinta feira moi afastado das medallas. O seu caiac saíu ben, colocándose en segunda posición, pero foi quedando rezagado ante o empurre sobre todo de Nova Zelandia, Alemaña e Hungría, que acabaron levando ouro, prata e bronce, respectivamente.

Este non era o resultado que agardaba o equipo capitaneado por toda unha lenda do olimpismo como Portela, pero hai días nos que as cousas non saen como se esperaba e non hai maneira. E tendo as rivais que tiñan tornaba especialmente difícil a misión de voltar ao podio para a canguesa, prata en Toquio no K2 500.

As galegas tiveron dificultades desde o principio para aguantar o alto ritmo que marcaba a Nova Zelandia de Lisa Carrington, que como era de esperar sumou un novo ouro olímpico ao seu exitoso palmarés, o sexto nada menos. Só Alemaña e Hungría foron quen de chegar ao último treito á par coas neozelandesas e acabaron conseguindo prata e bronce, respectivamente.

Portela, García, Ouzande e Fernández tiveron que conformarse desta volta co diploma olímpico co que se premiou a súa sexta praza, cruzando a meta a 2,2 segundos de Nova Zelandia.

A padexeira canguesa suma así, na que foi a sétima final nos sete Xogos Olímpicos que disputou até o momento —todos desde Sydney 2000—, un total de seis diplomas e unha medalla de prata, ao que cómpre engadir dous ouros, sete pratas e oito bronces mundiais e sete ouros, catro pratas e seis bronces en campionatos europeos.

Comentarios