París 2024 | VÍDEO

A CONTRACRÓNICA | Non se pode loitar contra o xene gañador

O debutante Pablo Crespo sorprendeuse a si mesmo facendo unha excelente regata que o meteu nas semifinais do C1 1.000m.
O padexeiro pontevedrés Pablo Crespo, esta cuarta feira, en Vaires-sur-Marne. (Foto: RFEP)
photo_camera O padexeiro pontevedrés Pablo Crespo, esta cuarta feira, en Vaires-sur-Marne. (Foto: RFEP)

Estes son os primeiros Xogos Olímpicos para o pontevedrés Pablo Crespo. Con ese nome e ese lugar de nacemento poderiamos pensar que se trata do ex político do PP implicado no caso 'Gürtel', pero se lle engadimos o segundo apelido, Penas, sabemos que se trata dun padexeiro con ADN olímpico. Pablo Crespo Penas é fillo de José Manuel Crespo, quen participou nos Xogos de Atlanta 1996 e Sydney 2000, e Ana María Penas, que a esas dúas citas suma a de Barcelona 1992.

Con esa carta de presentación non podía defraudar, e así foi. Crespo debutaba esta cuarta feira na rolda clasificatoria do C1 1.000m —a modalidade, para máis inri, na que conseguiu a primeira medalla de ouro do olimpismo galego toda unha lenda deste deporte como o cangués David Cal— nunha manga especialmente difícil na que se tivo que enfrontar ao vixente campión olímpico, o brasileiro Isaquias Queiroz, e o mundial, o checo Martin Fuksa. Só podían pasar dous directamente a semis e foron eles dous. Pero o pontevedrés tiña aínda un as na manga para a repesca.

Sabedor de que non sería en absoluto doado, o padexeiro pontevedrés de 22 anos, que viaxaba a París sen demasiadas expectativas, voou sobre a canle de augas tranquilas de Vaires-sur-Marne para gañarse o billete á seguinte fase co segundo mellor tempo da súa serie. "Sorprendeume a min mesmo", admitía despois da regata a este xornal. Pero cando un atleta ten o xene gañador nunca se lle pode subestimar.

Non tivo a mesma fortuna hoxe Adrián Ben, que foi cuarto na súa serie do 800m e terá que buscarse un oco nas semifinais na repesca desta quinta feira. O atleta de Viveiro, quinto —e, polo tanto, diploma olímpico— na súa estrea en Toquio, apretou na última volta para ficar á cabeza, pero na recta final viuse superado polo sueco Andreas Kramer —só por dez centésimas— e o italiano Catalin Tecuceanu.

E mentres Ben corría pola pista do Stade de France, no centro do recinto voaba a xavelina de Yulenmis Aguilar até os 61,95 metros, apenas cinco centímetros por debaixo da mínima exixida para lograr o pase directo á final, pero suficiente, con este primeiro intento, para coarse igualmente na loita polas medallas.

Comentarios