Omenuke Mfulu xa é branquiazul e estrearase no Teresa Herrera

O centrocampista chega procedente das Palmas.
Mfulu, onte, co director deportivo herculino, Fernando Soriano, durante a súa presentación. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Mfulu, onte, co director deportivo herculino, Fernando Soriano, durante a súa presentación. (Foto: RC Deportivo).

O centrocampista Omenuke Mfulu xa exerce como xogador do Real Club Deportivo da Coruña. A cuarta fichaxe branquiazul no que vai de mercado estival compareceu  en rolda de prensa acompañado do director deportivo herculino, Fernando Soriano, unha vez que completou o seu primeiro adestramento ás ordes do seu novo técnico, Imanol Idiakez.

Aos seus 30 anos, o internacional congolés -aínda que naceu en Francia- chega á Coruña cunha ampla traxectoria ás súas costas, pois tras formarse nas categorías inferiores do Lille da máxima categoría gala defendeu as cores de Reims e Red Star, antes de dar o salto en 2019 ao fútbol español.

Desde entón, militou durante dous no Elxe da Segunda División e na Unión Deportiva As Palmas nos tres últimos, conxunto co que conseguiu en 2023 o seu terceiro ascenso, logo dos que obtivo en 2020 coa antedita escuadra ilicitana e en 2018 co Red Star.

Non obstante, Omenuke Mfulu non se ve a si mesmo como un talismán, e considera "precipitado" falar de subir a Primeira co Dépor: "Estou aquí para axudar e sumar co meu traballo e ir partido a partido".

Mediocentro defensivo de físico contundente, o seu teórico rol será o de acompañante de Diego Villares no medio do campo, algo para o que o director deportivo do club considera que é o home "ideal": "Nesa posición diante dos centrais tiñamos a José Ángel a pasada tempada, pero cando faltaba o míster optou por Jaime [un central], por iso consideramos que era un lugar que debíamos reforzar, especialmente de cara ao salto a unha categoría como a Segunda que esixe moito no físico, e 'Nuke' pode ser perfecto para nós".

Con respecto ao seu debut, o franco-congolés albisca con ollos larpeiros a idea de estrearse nun Trofeo Teresa Herrera programado os próximos días 9 e 10 de agosto, pois está "preparado e a disposición do míster".

Arenteiro e Pontevedra queren a 'Festa do Polbo'

A Festa do Polbo que se desenvolve estes días no Carballiño deu que falar por rachar esta pasada terza feira cun récord mundial: o da 'tapa' máis grande da historia, de 950 quilos, rachando así coa marca que a mesma localidade ostentaba desde o ano pasado.

Porén, non só de polbo vive o home -ou a muller-, e como vén sendo habitual o estadio de Espiñedo acollerá unha nova edición do Trofeo Festa do Polbo, cita programada ás 19.30 horas da sexta feira e na que medirán forzas o local Arenteiro co Pontevedra Club de Fútbol.

Os verdes, que exhibiron boas sensacións no Emma Cuervo a pesar da súa derrota fronte a Ponferradina (0-2), tratarán de darlle continuidade á senda positiva no xogo fronte un conxunto granate que afrontará no Carballiño o seu desafío máis importante no que vai de pretempada.

Comentarios