París 2024 | Piragüismo

Debut inmellorábel de Diego Domínguez, só superado polos plusmarquistas olímpicos: "Tócanos gañar medallas"

"Até o de agora tivemos que ver desde a casa como outros compañeiros do Comité Olímpico conseguían medallas; agora xa estamos en París, que desfruten eles desde a casa de ver como as conseguimos nós", augurou o padexeiro do club Breogán do Grove.
O padexeiro Diego Domínguez, esta terza feira, en Vaires-sur-Marne. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
photo_camera O padexeiro Diego Domínguez, esta terza feira, en Vaires-sur-Marne. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

Diego Domínguez (Madrid, 2003) é un dos padexeiros máis novos destes Xogos Olímpicos. E esta terza feira voou sobre a canle de augas tranquilas de Vaires-sur-Marne xunto ao balear Joan Antoni Moreno na rolda clasificatoria do C2 500 masculino, asinando o segundo mellor tempo de todas as series só por detrás dos chineses Hao Liu e Bowen Ji, que bateron o récord olímpico nesta modalidade (1:37.40)... superándoos só por 38 centésimas. De feito, houbo que tirar de photo finish para saber quen gañara.

"Intentamos facer unha carreira arriscada, creo que se viu. Había vento a favor, queriamos estar neses dous primeiros postos para entrar nas semifinais e non gañamos a serie pero si cumprimos o obxectivo. Temos bastantes boas sensacións e moita confianza", dixo nada máis concluír a regata na zona mixta, onde se atopaba Nós Diario.

Esta foi a primeira toma de contacto de Domínguez e Moreno no seu debut olímpico e só faltou como guinda —e vaia guinda!— vencer á canoa da China. "O importante hoxe era estar en semifinais, e estamos. Tranquilidade, que as cousas van saír", dixo, convencido de que aínda poden ofrecer moito máis, pero consciente tamén da dificultade e do que lles custou chegar até aquí.

"Comezamos a tempada con este soño, estar aquí facendo esta entrevista", dixo aos medios de comunicación alí presentes. "Estamos nas semis, o soño estase cumprindo e vai ser máis grande do que pensamos, seguro. Até o de agora tivemos que ver desde a casa como outros compañeiros do Comité Olímpico conseguían medallas; agora xa estamos en París, que desfruten eles desde a casa de ver como as conseguimos nós", presaxiou.

Preguntado por se nota a presión de verse nunha cita tan importante como esta, salientou que iso nunca é algo positivo para os deportistas e que cómpre evitala. "Deixámoslla a Saúl [Craviotto] e Teresa [Portela], que son os máis experimentados; nós quedamos coa ilusión dos pequenos", chanceou.

Diego Domínguez naceu en Madrid, pero actualmente compite con licenza galega —é considerado deportista galego de alto nivel (DGAN) pola Xunta da Galiza— e forma parte do club Breogán do Grove, para o que tamén tivo palabras de agradecemento: "Moitas grazas por todo, teño un club impresionante que me apoia moitísimo. Mándolles unha aperta. E tranquilidade, que este barco anda", sentenciou.

Comentarios