Un novo torneo de verán lembra o fundador do Balonmán O Porriño

Julio Gilsanz perdeu a vida en abril de 2024.
As xogadoras do Porriño, onte, durante a presentación do trofeo. (Foto: BM O Porriño).
photo_camera As xogadoras do Porriño, onte, durante a presentación do trofeo. (Foto: BM O Porriño).

O Conservas Orbe Zendal O Porriño, que na vindeira tempada 2024/25 volverá ser un dos dous representantes da Galiza na máxima categoría estatal, a Liga Guerreiras, xunto co Mecalia Atlético Guardés, presentou oficialmente esta terza feira un novo trofeo.

Trátase do I Memorial Julio Gilsanz, un torneo de verán que nace "para honrar a memoria do fundador e ex presidente" da entidade, unha persoa "sen a cal non se entendería a existencia do Balonmán O Porriño.

Falecido o pasado mes de abril de 2024, Gilsanz era, ademais, "o socio número 1 do club, pai, avó e tío de xogadoras e xogadoras do equipo", destacou nun comunicado a actual directiva dunha entidade que vive o mellor momento deportivo da súa historia case 40 anos despois de que o fundador crease o Balonmán O Porriño en 1987.

Non obstante, a competición non só servirá para homenaxear o malogrado Julio Gilsanz, senón que tamén será unha oportunidade de ouro para que os seareiros e seareiras sigan en primeira persoa as evolucións das novas fichaxes do conxunto do sur da Galiza: Lucia Laguna, Daniela Moreno e Katia Zukova.

Así, o anfitrión medirá forzas co seu veciño do Atlético Guardés e dúas escuadras da veciña Portugal: San Pedro do Sul e ABC Braga, ao longo de dúas xornadas de acción ininterrompida que arrancarán no Polideportivo Municipal do Porriño ás 19.15 horas da próxima sexta feira (9 de agosto) co duelo entre Guardés e San Pedro do Sul. Despois, ás 21 horas, no mesmo recinto, será a quenda do local Conservas Orbe Zendal co Braga.

Xa ao día seguinte, o sábado 10 de agosto, están previstos o encontro polo terceiro e cuarto posto (17.30 horas) e unha finalísima na que poderían colidir ambos os representantes do país ás 19.30 horas.

O Guardés, parte do Trofeo Festas do Monte

Pola súa parte, o Mecalia Atlético Guardés, ademais de ser parte do Memorial Julio Gilsanz, confirmou a súa presenza no cartel do Trofea Festas do Monte.

Programado a partido único (cuarta feira, A Guarda, 20 horas), o seu rival no que será o amigábel inaugural para a formación dirixida por Ana Seabra é o Solimusic Events Carballal, e a técnica lusa non puido ocultar as súas "ganas e ilusión" por dar o disparo de saída á tempada.

Comentarios