Édgar Vigo e Fátima Ameneiro, a consolidar o seu liderado no European Rally Trophy

Aspiran a aumentar a vantaxe co segundo en Polonia
Édgar Vigo e Fátima Ameneiro, dentro do seu vehículo. (Foto: Escudería Scratch Fene).
photo_camera Édgar Vigo e Fátima Ameneiro, dentro do seu vehículo. (Foto: Escudería Scratch Fene).

O FIA European Rally Trophy conta cunha parella galega que está pelexando nos postos de cabeza da clasificación xeral: Édgar Vigo e Fátima Ameneiro.

Non obstante, durante os últimos anos as dificultades económicas que implica soster un equipo de forma independente no seu deporte obrigounos a renunciar a competir durante o mes de agosto para centrarse nos seus respectivos traballos a tempo completo, algo que, afortunadamente, non terán que facer en 2024.

"Dada a súa vantaxosa posición actual na táboa moveron Roma con Santiago para que esta situación variase, polo que un rally que a principios de ano aparecía como descartado no seu calendario, o Rajd Rzeszow, en Polonia, pode converterse agora no seu talismán para encarrilar o Campionato de Europa e converterse en pilotos prioritarios da FIA", sinalan desde a Escudería Scratch Fene. .

Porque, logo dos resultados na recente proba disputada en Austria, onde o líder, David Stefan, sufría un accidente que o obrigou a abandonar a carreira cando pelexaba o primeiro posto coa dupla fenesa, estes arrebatáronlle ao da República Checa o liderado na clasificación xeral do European Rally Trophy.

Isto convenceunos para facer todo o posíbel para estar nunha cita polaca que arranca esta terza feira coas verificacións técnicas, ficando para a quinta feira (8 de agosto) os recoñecementos e para a sexta e o sábado (días 9 e 10 de agosto) a propia competición.

Ademais, despois de formalizar a inscrición descubriron con sorpresa que o agora segundo, David Stefan, non estará en Polonia, o que posibilita que aumenten aínda máis a distancia que os separa, algo para o cal, como declarou Édgar Vigo, necesitarán ser "intelixentes". "Será un rally difícil e completamente novo para nós, pero aproveitaremos a oportunidade", apostilou Ameneiro.

Comentarios