París 2024 | Piragüismo

A hora da verdade para a 'Armada galega': comeza o piragüismo sprint e estas son as opcións de medalla

Teresa Portela, Rodrigo Germade e Carlos Arévalo, medallistas en Toquio 2020, van a por todas en París.
A padexeira canguesa Teresa Portela en Toquio 2020, onde foi prata no K1 200m. (Foto: COE vía Europa Press)
photo_camera A padexeira canguesa Teresa Portela en Toquio 2020, onde foi prata no K1 200m. (Foto: COE vía Europa Press)

O piragüismo sprint foi sempre un dos puntuais do deporte galego nos Xogos Olímpicos e a París chega con máis opcións que  nunca. Esta terza feira comeza a competición no estadio náutico de Vaires-sur-Marne con representación da Galiza nun total de seis probas, comezando co K4 500m masculino no que o cangués Rodrigo Germade e o betanceiro Carlos Arévalo comparten caiac con Marcus Cooper e Saúl Craviotto, o equipo que marchou de Toquio hai tres anos cunha prata e que agora busca subir de novo ao podio.

Tamén como recente medallista chega á que é nada menos que a súa sétima cita olímpica a canguesa Teresa Portela, desta volta no K4 500m feminino canda a pontevedresa Carolina García, a asturiana —mais considerada deportista galega de alto nivel— Sara Ouzande e a estremeña Estefanía Fernández. Aliás, García e Ouzande pelexarán por outro metal no K2 500m feminino, así como Germade e Arévalo na mesma proba da categoría masculina.

Pasando do caiac á canoa haberá que prestar especial atención á pontevedresa Antía Jácome, que se estrea esta terza feira no C2 500m feminino da man da madrileña María Corbera e que na quinta feira buscará sorte tamén no C1 200m feminino. E no C2 500m, pero masculino, debuta nesta frenética xornada para o piragüismo o madrileño —con licenza galega e afincado no Grove— Diego Domínguez, a quen acompaña o balear Joan Antoni Moreno.

Finalmente, esta cuarta feira será a quenda do pontevedrés Pablo Crespo no C1 1.000m masculino, a proba na que David Cal foi ouro e plusmarquista olímpico en Atenas 2004.

Comentarios