París 2024 | Atletismo

O vixente campión do 1.500 perde nos últimos metros o ouro... e o récord olímpico

Récord de Europa e diploma olímpico nos 3.000 metros obstáculos para Alice Finot, cuarta, francesa afincada en Ponteareas.
O estadounidense Cole Hocker cruzando a meta do 1.500 masculino esta terza feira. (Foto: Sven Hoppe / DPA vía Europa Press)
photo_camera O estadounidense Cole Hocker cruzando a meta do 1.500 masculino esta terza feira. (Foto: Sven Hoppe / DPA vía Europa Press)

Escapoulle o podio ao vixente campión e plusmarquista olímpico na recta final do 1.500 masculino desta terza feira... e de paso tamén o récord. O noruegués Jakob Ingebrigtsen, que marabillou o mundo coa súa actuación en Toquio 2020, gastou demasiado cedo os seus cartuchos e viu como a pesar de liderar toda a carreira e entrar primeiro na última volta quedaba sen medalla nos últimos metros da pista do Stade de France e levaba o ouro o estadounidense Cole Hocker, que facía unha nova marca para a historia dos Xogos: 3:27.65, seis décimas máis rápido que Ingebrigtsen hai tres anos.

Con todo, non pode dicirse que o noruegués estivese precisamente lento, pois el tamén mellorou, por oito centésimas (3:28.24), o seu anterior récord. Pero o sprint final que pegaron tanto Hocker como el mesmo, que intentaba aguantar o envite, como o tamén estadounidense Yared Nuguse —bronce e mellor marca persoal— e o escocés Josh Kerr —prata e récord estatal— fixo inútil o seu esforzo e quedou relegado á cuarta praza.

Diploma para a francesa Alice Finot, do Celta Atletismo, nos 3.000m obstáculos

Por outra parte, a atleta Alice Finot, francesa afincada en Ponteareas que compite co Celta Atletismo, quedou esta terza feira ás portas da medalla nunha final dos 3.000m obstáculos na que Winfred Yavi, cde Bahrein, gañou batendo o anterior récord olímpico —que databa de Beijing 2008— parando o crono en 8:52.76.

A prata foi para a ugandesa Peruth Chemutai, que se converteu na nova plusmarquista do seu país (8:53.34), e o bronce para a kenyana Faith Cherotich, que fixo marca persoal (8:55.15). Finot, cuarta, pode marchar ben orgullosa dunha proba na que obtivo diploma olímpico e bateu o récord europeo cun rexistro de 3:58.67.

Comentarios