París 2024 | VÍDEO

A CONTRACRÓNICA | Non diga piragüismo, diga Galiza

Temos unha semana moi emocionante por diante. Permanezan atentas e atentos ás súas pantallas, porque a 'Armada' acuática galega xa está aquí.
Á esquerda, arriba, Rodrigo Germade e Carlos Arévalo; abaixo, Sara Ouzande e Carolina García; no centro, Teresa Portela; á dereita, arriba, María Corbera e Antía Jácome, e abaixo, Diego Domínguez. (Fotos: Yuri Carrazoni Mier)
photo_camera Á esquerda, arriba, Rodrigo Germade e Carlos Arévalo; abaixo, Sara Ouzande e Carolina García; no centro, Teresa Portela; á dereita, arriba, María Corbera e Antía Jácome, e abaixo, Diego Domínguez. (Fotos: Yuri Carrazoni Mier)

Pleno de éxitos. Seis de seis. Todas as e os representantes da Galiza nas probas de piragüismo sprint desta terza feira, coas que deu o disparo de saída en París 2024 este deporte no que tradicionalmente o deporte galego ofreceu sempre un moi bo rendemento nos Xogos Olímpicos desde os tempos de Ramos Misioné, conseguiron superar as súas respectivas roldas eliminatorias ofrecendo ademais un altísimo rendemento no estadio náutico de Vaires-sur-Marne.

Desprazarse estes días até esta pequena vila situada a medio camiño entre Disneyland e o corazón de París paga sen dúbida a pena a pesar da hora e media longa que leva chegar en transporte público. Non está o rato Mickey, pero no lago de Vaires-sur-Marne o ambiente tamén está impregnado de maxia.

Temos alí a mulleres como Teresa Portela, que con 42 anos, tres títulos universitarios, sete Xogos Olímpicos e unha medalla de prata ás costas aínda ten corda para darnos unha nova alegría. Ou Carolina García, licenciada en Biomedicina e moi centrada na súa faceta académica e investigadora sen que iso lle impida render ao máis alto nivel deportivo.

Hoxe deixounos coa boca aberta tamén Diego Domínguez, madrileño afincado no Grove que compite con licenza galega na súa primeira cita olímpica e que se estreou pasando na súa serie como segundo practicamente á par cos novos plusmarquistas olímpicos no C2 500 masculino, ou Antía Jácome, que na proba feminina da mesma modalidade cruzou a meta a moi escasa distancia da canoa que bateu tamén o récord dos Xogos.

E o mesmo aconteceu no K4 500 masculino, onde os galegos Rodrigo Germade e Carlos Arévalo, que non conformes con loitar por unha nova medalla nesta proba dobraron hoxe e participaron tamén —cun novo éxito— nas series do K2 500, só puideron ser superados, por centésimas, por Alemaña... a nova plusmarquista.

Aínda falta por debutar o pontevedrés Pablo Crespo, que o fará esta cuarta feira no C1 1.000m, a mesma proba na que o cangués David Cal deu á Galiza o primeiro ouro da súa historia en Atenas 2004 e na que foi tamén prata en Beijing 2008 e Londres 2012.

Temos unha semana moi emocionante por diante. Permanezan atentas e atentos ás súas pantallas, porque a 'Armada' acuática galega xa aterrou en Parísc coa acepción que recolle o Dicionario da RAG de "tomar terra"... e nos próximos días farao tamén, sen dúbida, co significado de "causar terror".

Comentarios