O Celta ponse a proba ante o seu filial nun 'adestramento' en Mos

O outro partido da xornada terá como protagonistas o Lugo e o Sporting de Xixón.
Borja Iglesias na súa chegada a Balaídos (Foto: RC Celta).
photo_camera Borja Iglesias na súa chegada a Balaídos (Foto: RC Celta).

O verán futbolístico non dá tregua, e nesta cuarta feira o calendario depara dous partidos, ou, mellor dito, dous partidos e un 'adestramento'.

Porque esa é a consideración oficial que o Real Club Celta de Vigo outorga ao duelo que enfrontará ás 11 horas na Afouteza (Mos) o primeiro equipo celeste co seu filial, dúas escuadras que veñen ofrecendo sensacións ben diferentes ao longo da pretempada.

A razón principal son as dúbidas mostradas polos 'maiores', incluso a pesar da recente vitoria fronte un Luton Town (1-3) que até este mes de maio xogaba na Premier League. 

Detrás están, por unha parte, as incertezas que xera na portería a situación física de Vicente Guaita. O veterano gardameta, un dos mellores futbolistas olívicos a pasada campaña, padece unha tendinopatía no ombreiro dereito que ameaza con deixalo fóra non só do que resta de pretempada, senón dunha estrea ligueira prevista o 16 de agosto, non ofrecendo até o momento ningún dos seus recambios (Iván Villar e Marc Vidal) un rendemento similar ao do meta valenciano.

Ademais, tamén preocupa entre a parroquia celeste a ausencia de fichaxes. Co 'Panda' Borja Iglesias como única incorporación até o momento, incluso de confirmarse nas próximas horas a chegada en calidade de cedido desde o Red Bull Leipzig de Ilaix Moriba, mediocentro formado no Barcelona, o bloque continuaría con puntos febles en todas as liñas salvo na dianteira.

O Lugo busca desquite

Apenas tres días despois de caer fronte un Celta Fortuna que vence e convence, o Club Deportivo Lugo busca o desquite contra un conxunto de superior categoría, o Sporting de Xixón, nun encontro programado ás 19 horas desta cuarta feira en Pol (Meira). 

Comentarios