Encarna Otero: "Para que cambie o mundo, as novas masculinidades tamén teñen que estar aí"

Encarna Otero (Santiago de Compostela, 1950) vén de ser recoñecida co Premio Begoña Caamaño de Igualdade na súa modalidade de traxectoria. Un galardón outorgado pola Deputación da Coruña.
Encarna Otero.
photo_camera Encarna Otero.

Como recibe o premio?

Para min foi moi emocionante, en primeiro lugar xa pola persoa que lle pon nome. Eu puiden traballar e facer moitas cousas con Begoña, e admiro moito os libros que nos deixou revisionando certos mitos desde unha óptica feminista. Por outra parte, neste premio non estou soa, senón que estamos todas. Todas as mulleres coas que levo traballando en rede máis de 50 anos, como comadres. Eu lévoas a todas comigo. A sororidade para os movementos feministas é fundamental. Sen iso, nin existe nin avanza. É certo que temos que ter referentes mulleres e que, por tanto, haberá algunhas que salienten sobre outras. Mais se é así é porque están sendo inzadas por moitas outras. 

Un dos aspectos que salientou o xurado do premio sobre o seu labor foi a introdución da perspectiva de xénero na Administración pública. Como ve a situación hoxe en día?

Hai un recoñecemento a nivel administrativo, non só de dereitos, senón de usos. Por moito que ás veces se esquezan e aínda choquen a linguaxe inclusiva ou a presenza de mulleres con nome e recoñecementos. Sabemos tamén que as mulleres son maioría na Administración pública. Naqueles postos onde se accede por oposición, é dicir, cando hai igualdade de oportunidades, as mulleres están. 

Creo que hai que ter moito coidado de non recuar en todo o que se avanzou. Claro, eu vivín épocas nas que era a única muller nas reunións do Concello ou do Consorcio. Iso pasou, e máis agora, coa postura que toman moitas mulleres de non saír nas fotografías cando son a única muller da sala. Que me parece xenial, porque é unha maneira de evidencialo. 

Todas as conquistas que se fagan por parte das mulleres deben ser consolidadas por máis mulleres. Creo que nos coidados é onde aínda nos queda moito por avanzar. Os coidados deberían ser un obxectivo prioritario da Administración pública e da economía. Paréceme que é das cousas máis importantes que precisamos porque coidar é unha función humana fundamental. As mulleres, nos diferentes feminismos, cambiamos, avanzamos, investigamos, nomeamos... Pero ao mundo masculino cústalle moito asumir esas novas maneiras de funcionar. Para que cambie o mundo, as novas masculinidades tamén teñen que estar aí, non só de boca, tamén na práctica. 

Falaba de non recuar, e é certo que todos estes avances sempre van seguidos dunha reacción.

Como pasou ao longo da historia. Con todo, esas correntes de reacción, que efectivamente privan de dereitos, obrigan a seguir dando pasos adiante. Non nego o seu lado negativo, evidentemente, mais así é como conseguimos avances nos nosos dereitos e que estean consolidados na lexislación. 

Falaba de referentes. Cre que estamos no bo camiño recuperando referentes galegas?

Galiza, como todos os países de emigración, obrigou a que as mulleres tiveran que estar en todos os espazos. Como historiadora, o que atopo son referentes constantes na ciencia, na música, nas letras, na empresa, no mar e no agro... O que hai que facer é visibilizalas, por iso tamén me gusta moito que a Real Academia Galega dedique o próximo Día das Letras ás cantareiras. O que boto de menos é que agora que xa temos bases científicas e datos, como é o Álbum de Mulleres, isto non estea reflectido nos libros de texto e no ensino obrigatorio. 

Máis en CULTURA
Comentarios