MÁIS

Sen praia non hai Barco

O Malecón: praia fluvial en Valdeorras
Humanidade, flora e fauna conviven na contorna fluvial da praia do Malecón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Humanidade, flora e fauna conviven na contorna fluvial da praia do Malecón. (Foto: Nós Diario)

Entre os plans a facer no Barco de Valdeorras non hai que excluír ir á praia darse un baño. Nesta vila de 13.395 habitantes, gózase da praia fluvial do Malecón que, ademais de estar incluída no Censo Oficial de Zonas de Baño do Ministerio de Sanidade e Política Social, é a máis antiga da súa contorna. O areal valdeorrense é moi amplo, con tres zonas de baño todas con distintivo verde e entre as que destacan a zona do río Cegoño e unha paraxe máis extensa -de 5.000 metros cadrados- cuberta por abundante follaxe.

A xente que visita a zona fluvial pode desenvolver o que  supoña como a súa propia tarde ideal pois conta con moitas posibilidades de gozo. A primeira opción é bañarse  no Sil ou tomar o sol, tanto na area como na herba.

Tamén é posíbel realizar actividades físico-deportivas, xa que arredor da contorna fluvial existe unha senda ciclista, unha pista de baloncesto, un paseo fluvial de máis de 2 km, algunhas piscinas e un parque infantil. Ademais destas infraestruturas, á beira do Sil sempre hai espazo e tempo para a práctica de deportes acuáticos. Neste senso, é destacada por enriba do resto a práctica do piragüismo ou canotaxe especialmente recoñecida na comarca e que fai frecuente albiscar grupos destas embarcacións polo río.

Outro punto ao favor da praia do Malecón é que forma parte da rede galega de praias sen fume, o que permite manter o aire da ribeira limpo e virxe tanto para as persoas como para os animais que viven derredor. A fauna deste lugar está especialmente representada por paxaros de ribeira como a garza real, malia que tamén alberga mamíferos muestélidos como as londras.

Asemade, como terra de produción vinícola, ao Barco pódese vir cedo e probar os seus pratos típicos acompañados cun Mencía ou Godello denominación de orixe Valdeorras, variedades de renome na zona. Sexa cal sexa a idea de verán que se desexe ter, o Barco, e sobre todo a praia fluvial do Malecón, ofrece moitas posibilidades para vivir e deleitarse cun verán no interior galego sen botar en falta o mar nin desmerecer o río.

Aquí hai praia

Na vila do Barco de Valdeorras sitúase a praia do Malecón que emprega o río Sil, afluente do Miño, como fonte de entretemento. O areal vese influído por un clima mestura entre atlántico e mediterráneo, cuxa temperatura oscila entre os 20 e os 35º no verán. 

De patos a garzas 

Entre a fauna presente no Malecón existe unha variedades de aves propias de zonas de ribeira como os patos comúns, as garzas reais ou colimbos (paxaro semellante ao corvo mariño).Ademais, arredor da praia fluvial agroman distintas árbores de folla caduca, entre elas os salgueiros.

Música que flúe

Na praia fluvial non só se pode desfrutar da auga e do sol, tamén se abren ao oído outros sons alén dos habituais da natureza. Así, artistas como Antía Baños teñen aterrado ás beiras da paraxe este verán para amenizar as noites do Barco, dentro da programación cultural do verán O Barco no verán é cultura. Mais non é o único evento situado no Malecón, tamén decorre o Sil Fest do 18 ao 20 de xullo coa presenza de artistas emerxentes como Futuro Alcalde. Proximamente, chegará o ciclo de Terrasón, nos vindeiros 11 e 25 de agosto, con grupos como Nowie & The Barbers.

Comentarios