MÁIS

Pasar o verán en Vilarello

Mergullarse nas augas do río Ulla, en Valga
A praia fluvial de Vilarello aos pés do río Ulla, ao seu paso por Valga. (Foto: Concello de Valga)
photo_camera A praia fluvial de Vilarello aos pés do río Ulla, ao seu paso por Valga. (Foto: Concello de Valga)

Pouco antes de alcanzar a súa desembocadura na ría de Arousa, o Ulla ofrece un magnífico espazo para pasar as tardes de verán. A praia fluvial de Vilarello atópase na parroquia de Cordeiro, no concello de Valga (comarca de Caldas). O pequeno lugar de Vilarello posuía só 72 habitantes no 2022, segundo datos do IGE. Esta pequena poboación acolle unha das marismas de auga doce con influencia de auga salgada máis extensas da Galiza. A praia abrangue 70 metros de longo e 40 ao ancho.

Vilarello creouse de maneira artificial coa implantación de area aos pés do Ulla. Con todo, o bosque lindeiro non foi destruído e tamén está preparado para acoller persoas que prefiren o abeiro dunha árbore. Comprende exemplares de carballos, piñeiros, castiñeiros e salgueiros, entre outras especies. A flora e fauna desta praia fluvial está dentro do Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) do Sistema Fluvial Ulla-Deza, integrado á súa vez desde 2004 na Rede Natura 2000.

O equipamento lúdico e para o lecer das visitantes é moi amplo en Vilarello. Unha zona destinada para a cociña ao aire libre, mesas de pícnic, duchas, acceso para persoas con discapacidade e un parque infantil son algunhas das equipamentos públicas desta área recreativa. A praia conta tamén cunha cafetaría e unha ampla zona de caravanas e aparcadoiro. Deixando a un lado o lecer acuático, na contorna tamén se atopa un auditorio ao aire libre. 

Vilarello non é a única praia existente no concello de Valga. No lugar de Ponte Valga, atópase o Parque Irmáns Dios Mosquera, que dispón dunha área recreativa e fluvial totalmente equipada para o lecer, mais sen afastarse en demasía do centro de Ponte Valga.

O río Ulla ofrece as súas augas nunha contorna chea de especies autóctonas

Sen vexetación invasora nas súas marxes e cunha fauna a base de troitas comúns e salamántigas rabilongas, o río Ulla percorre 130 quilómetros e case 20 concellos desde o seu nacemento na Ulloa até a súa morte en augas atlánticas. 

A Lagoa Mina Mercedes

Esta masa de auga foi en tempos unha mina de extracción de caolín, unha arxila branca empregada na construción. Tras a súa explotación, Mina Mercedes pasou a ser a masa de auga máis extensa da comarca, con 3,5 hectáreas. As súas augas proveñen do río Ulla e tamén se lle coñece como Lagoa de Santa Cristina.

A Pedra da Serpe

ntre o Monte dos Salgueiros e o dos Penucos atópase esta rocha con máis de 5.000 anos de antigüidade. Os gravados máis destacábeis son círculos concéntricos, mais o nome da rocha provén das grandes liñas en zig-zag que os acompañan. Simulan a forma das serpes, antigo símbolo da fecundidade. 

Fervenzas de Raxoi e Parafita

As augas do río corren furiosas na zona do Monte Cerquido. Alí, o Valga vese na obriga de descender até 50 metros nun curto percorrido de 200 metros. Deste modo, fórmanse estas impresionantes fervenzas que levan os nomes de Raxoi e Pedrafita, dous lugares que se atopan perto delas. O termo de Raxoi mantivo a forma orixinal mentres que o de Pedrafita sufriu unha pequena adaptación até converterse no actual Parafita. A contorna destas fervenzas está poboada de diferentes muíños que se poden percorrer a través dunha senda repleta de pasarelas de madeira.

Comentarios