Noia Harp Fest: o festival que mira cara ao futuro da música na Galiza

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia comeza co Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa da Galiza, unha proposta que procura estimular a relación entre as e os instrumentistas máis novos do país, ofrecéndolles unha visión de futuro aberta e diversa.  
 
Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa da Galiza na edición de 2023.
photo_camera Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa da Galiza na edición de 2023.

No verán, abundan os festivais que se esgotan no escenario. Mais hai outros que van deixando unha pegada en principio imperceptíbel, pero que a longo prazo provocan cambios na sociedade. O Noia Harp Fest é destes últimos: ademais de confiar máis na calidade contrastada que na presenza de estrelas mediáticas, abre un espazo para a formación das novas xeracións, as que en último termo serán as responsábeis da música que se escoite no futuro.

Por terceiro ano consecutivo, o festival abrirase co Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa da Galiza unha proposta que visa a crear relaciones entre as instrumentistas máis novas, a propiciar os encontros e o coñecemento mutuo para estimular vínculos e -quen sabe- futuros proxectos creativos. 

"Un dos obxectivos era ese: que a xente se sentise acollida e que non tivese a sensación de estar practicando cun instrumento minoritario. Que as máis pequenas, especialmente, cultiven unha paixón que dure", explica en conversa con Nós Diario Beatriz Martínez, unha das directoras do festival, ademais de unha das figuras con máis proxección na Galiza no eido da arpa céltica. "As veces, as cativas teñen a sensación de que están tocando un instrumento raro e, unha vez que deixan a escola, abandonan. Desta maneira, coñecen outra xente que se dedica ao mesmo, coñecen artistas que crean coa arpa... Tentamos que sexa unha experiencia formativa no sentido máis amplo da palabra".   

"Empeza a ser unha referencia para o alumnado das escolas de arpa", confirma Rodrigo Romaní, fundador e outro dos directores do festival. "Moitas estudantes de arpa teñen que enfrontarse habitualmente con cousas que non teñen nada que ver coa música da Galiza e nós procuramos que esa referencia sempre estea aí para que a teñan en conta. É unha xornada de convivencia un tanto atípica para eles e, en consecuencia, acaban sendo unha experiencia moi satisfactoria".

Durante a xornada, ademais, a rapazada entra en contacto coa cultura marítima ao compartir unha actividade relacionada coa cultura tradicional do mar da Ría, en colaboración co Balandro Joaquin Vieta e as embarcacións tradicionais da asociación Terra de Outes.

Traballo colectivo

Por outro lado, o alumnado das escolas de arpa pode comprobar que os campos creativos que pode abranguer son moi variados. Unha das particularidades do Noia Harp Fest é, precisamente a variedade estilística do seu programa, que inclúe música clásica, jazz, electrónica, rock...

"Estamos atentas ás tendencias que xorden en Europa e no mundo", afirma Martínez. "A xente tanto da clásica como do folk está creando proxectos cunha identidade moi marcada. Xente que ven do mundo clásico e que non atopa oco nunha orquestra -porque as prazas son moi poucas- decide crear o seu propio proxecto en calquera outro estilo. É importante que o alumnado vexa que se pode facer de todo e que visualicen a posibilidade de facer unha música cun selo persoal que non se someta ás características dun estilo concreto".

"A arpa é un instrumento universal tan versátil que se pode empregar en estilos de música moi diversos" apunta Romaní. "Iso, precisamente" é o que permite que poidamos organizar un festival sen unha definición estilística concreta, danos un abano moi amplo de atracción estética".

Mais o festival quere ir máis alá para, tamén, formar en valores.

"Interésanos, sobre todo, potenciar o traballo en grupo", matiza Romaní. "A educación musical está demasiado enfocada en crear estrelas: ou convérteste nun triunfador ou non es ninguén. Pero a realidade é que a maior parte deste alumnado vai tocar en grupo ou non vai tocar. E como queremos que sigan tocando, temos que mostrarlles que o traballo en colaboración é absolutamente fundamental na música. Créase moita frustración cando estás estudando, ensaiando e traballando só e, ao final, tampouco xorden as oportunidades que che saquen do anonimato. Todo iso dilúese na interpretación en grupo".

Referentes

"As persoas que nos dedicamos á música nutrímonos do que escoitamos e do que vemos á hora de crear a unha música propia", explica Martínez. "Por exemplo, este ano veñen Nadia Birkenstock e Rachel Hair, que están sendo referentes para o alumnado porque fan pezas propias ou arranxos que se están utilizando en todas as escolas do mundo. Iso válenos co alumnado".

O Noia Harp Fest será rico en suxestións para todas as persoas que, estudantes ou non, se interesen por esas tendencias que fan da música para arpa un universo complexo e variado.

Tras o día de apertura, cunha sesión dedicada a este alumnado das escolas galegas, á que seguirá unha Foliada de benvida na que participarán arpistas de SonDeSeu, chegarán as actuacións das invitadas.

A intérprete, cantante e compositora alemá Nadia Birkenstock, recoñecida pola súa destreza coa arpa celta, abrirá ás 19 horas a xornada da sexta feira, día 9, cun recital na Igrexa Museo Santa María A Nova. Á noite, no Teatro Coliseo Noela, actuará Solomiia Savchuk, moza ucraína residente en Ferrol e destacada intérprete de Bandura, un instrumento do seu país de corda pulsada que combina elementos da cítara e o laude. Seguiralle o dúo escocés Rachel Hair & Ron Jappy, recoñecidos intérpretes de clarsach (arpa escocesa) e que presentarán Sparks, un traballo no que regresan ás súas raíces, nas Highlands, e no que presentan unha mestura ecléctica de jigs, reels e marchas de Escocia, Irlanda e Illa de Man. 

O sábado 10 de agosto, a francesa Camille Levecque tocará no Claustro de San Francisco nun concerto íntimo no que o público coñecerá o traballo dunha intérprete que colaborou con artistas como Mike Oldfield, ou Benoit Fromanger. E a partir das 21 horas, a Praza do Tapal acollerá unha noite marcada pola experimentación que contará coa música de Descofar, trío bretón que hibrida "o alento melódico da música bretoa, a potencia do post-rock compacto e a intensidade da improvisación". O peche chegará co cantante e intérprete senegalés Momi Maiga, virtuoso da kora que presentará o seu primeiro disco, Nio, e que ofrecerá unha viaxe a medio camiño entre o jazz, o flamenco e a tradición oral de Senegal.

Máis en CULTURA
Comentarios