O Partido Demócrata formaliza a elección de Harris como candidata e dá inicio a unha nova campaña electoral

Revertida a vantaxe nas enquisas de Donald Trump sobre Joe Biden.
A vicepresidenta e candidata demócrata, Kamala Harris, nunha visita a segunda feira a unha fábrica. (Foto: Vicepresidencia dos Estados Unidos)
photo_camera A vicepresidenta e candidata demócrata, Kamala Harris, nunha visita a segunda feira a unha fábrica. (Foto: Vicepresidencia dos Estados Unidos)

Na madrugada da terza feira o Comité Nacional Demócrata trasladou que a vicepresidenta Kamala Harris obtivo case 4.600 votos, procedentes de 99% das persoas delegadas que participaron na votación en liña que comezou a semana pasada, polo que resultou elixida como candidata do Partido Demócrata nas eleccións presidenciais de novembro, nas que terá en fronte o ex mandatario e candidato do Partido Republicano, Donald Trump.

Así e todo, na Convención Nacional Demócrata, cita na que polo xeral é nomeada a persoa candidata, que inicia o 19 de agosto, efectuarase unha votación cerimonial e mantense o discurso de aceptación da candidatura a cargo de Harris na última xornada, o día 22.

Aínda que a formación xustifica o adiantamento da selección da candidatura en que a lexislación de Ohio fixaba a cuarta feira como data límite para o rexistro das postulacións, algo que na práctica foi adaptado en ocasións anteriores á data da Convención demócrata e republicana, un dos motivos de peso na decisión era tratar de consolidar a candidatura do actual presidente, Joe Biden, a nome de quen foron elixidas en primeira instancia as delegadas e delegados demócratas e que finalmente renunciou en favor da súa vicepresidenta.

Tras a retirada de Biden, desencadeada após unha campaña de altos cargos demócratas ante o que consideraban unha derrota segura nas presidenciais que tamén podería afectar aos seus escanos no Congreso, pois o 5 de novembro tamén se renova completamente a Cámara Baixa e un terzo do Senado, o certo é que os traballos demoscópicos detectaron un incremento do apoio á candidatura demócrata.

Unha enquisa da canle CBS, que outorgaba a Trump cinco puntos máis que a Biden cando este último renunciou á reelección, colocou esta semana Harris cun punto de vantaxe a nivel global, 50% a 49%, que subiría a dous (49% a 47%) ao incluírse na ecuación outras candidaturas como a do ex demócrata Robert Kennedy, que se faría con 2%.

Con todo, o particular sistema electoral estadounidense, no que cada Estado escolle un número variábel de representantes que determinan quen se fai coa Presidencia, fai que todo se vaia decidir en sete Estados chave: Michigan, Arizona, Pensilvania, Wisconsin, Xeorxia, Nevada e Carolina do Norte. Nos tres primeiros empatarían con 48%, 49% e 50% dos sufraxios. Entrementres, Trump imporíase por un punto en Wisconsin e por tres en Xeorxia e Carolina do Norte, á vez que Harris vencería en Nevada por dous puntos.

A enquisa tamén amosa como a campaña de Trump, de 78 anos, cuestionando a saúde mental de Biden, de 81, e que constituíu un elemento determinante da marcha deste último, foi anulada coa elección de Harris, de 59, de quen 64% apunta que ten a saúde mental e cognitiva para ser presidenta, 13 puntos por riba de Trump neste apartado. Porén, o ex presidente está considerado como mellor xestor económico con 20 puntos máis que Harris, e ten 50 puntos máis no tocante á diminución da chegada de persoas migrantes. Harris tamén mellora os datos de Biden na intención de voto da comunidade afroamericana aos demócratas, que pasa de 73% a 81%.

En paralelo, enquisas como a de Morning Consult, a publicada polo semanario The Economist ou a da axencia Reuters sitúan Harris con catro, dous e un punto de vantaxe. Incluso nas sondaxes nas que Trump segue á cabeza, como a de Harvard CAPS-Harris (tres puntos), o xornal The New York Times (un) ou a canle CNN (tres), a súa vantaxe minguou após a retirada de Biden.

O principal responsábel das enquisas na campaña de Trump, Tony Fabrizio, sostivo con anterioridade que agardaba unha “lúa de mel de Harris” nas sondaxes, asegurando que sería a “curto prazo”.

Primeira muller na Presidencia estadounidense

Se finalmente Harris logra a vitoria nos comicios converteríase na primeira muller en alcanzar o liderado do país, e a segunda persoa afroamericana en facelo. A súa adscrición étnica como filla de nai india e pai xamaicano foi atacada a pasada semana por Trump, que aseverou que “ela sempre foi de ascendencia india, e só estaba promovendo a ascendencia india, non souben que era negra até hai uns anos” e “agora só quere que a coñezan como negra”. “O mesmo espectáculo de sempre, a división e a falta de respecto”, retrucoulle Harris.

Terry Sullivan, asesor principal da campaña do senador Marco Rubio nas primarias de 2016, gañadas por Trump, explica as súas palabras como unha estratexia habitual. “El descobre cal é a súa debilidade percibida e a profunda”.

Ao respecto, estrategas políticos citados pola prensa internacional apuntan que logo da mudanza na candidatura demócrata tería que centrarse no desempeño da economía e en rebater o intento demócrata de apropiarse do termo “liberdade”, que os republicanos adoitan converter en central nas súas campañas, vinculándoo cos dereitos reprodutivos tras sentenciar o Tribunal Supremo que non se pode considerar o aborto un dereito constitucional.

Sobre este asunto, Harris insiste en que Trump, de volver á Casa Branca, ilegalizará o aborto en todo o país cando o ex mandatario reitera que deixará a decisión en mans de cada Estado.

Walz, designado para a Vicepresidencia

Unha das principais incógnitas pendentes de resolver era quen nomearía Kamala Harris para acompañala na candidatura. Horas antes da presentación pública da postulación íntegra nun mitin en Filadelfia previo ao comezo dunha xira polos sete Estados clave nos comicios presidenciais, fontes da axencia AP confirmaron que o elixido é o gobernador de Minnesota, Tim Walz.

O medio sostén que a designación busca “fortalecer a candidatura demócrata nos Estados do Medio Oeste”, rexión na que se integran Michigan e Wisconsin, dous destes territorios chave, e o estratega demócrata en Minnesota Abu Amara incide en que Walz “fala desde un punto de vista práctico” e posúe a “capacidade de conectar con votantes rurais, suburbanos e urbanos”.

Comentarios