Hezbolá ataca Israel con drones e expón as eivas do sistema de defensa áerea sionista

Sete feridos nunha base estadounidense no Iraq.

Palestinas asasinadas en Gaza. (Foto: Ministerio de Sanidade de Gaza)
photo_camera Palestinas asasinadas en Gaza. (Foto: Ministerio de Sanidade de Gaza)

A organización libanesa Hezbolá está a “subir a escaleira da escalada paso a paso”, subliñou a terza feira a canle Al Jazeera, en alusión ao lanzamento dunha vaga de drones contra obxectivos militares no norte de Israel, nas proximidades de Acre, a cidade israelí máis grande afectada polo de agora polos intercambios que protagonizou o réxime de apartheid sionista con Hezbolá, que desatou os ataques en defensa do pobo palestino a raíz do inicio da agresión militar contra Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de xenocidio e limpeza étnica.

Antes do ataque, os militares israelís bombardearon o sur do Líbano causando a morte de cinco persoas, namentres a ofensiva da forza libanesa provocou feridas en 19, unha delas en condición crítica.

O ataque de Hezbolá é especialmente significativo pola facilidade á hora de lanzar ataques cada vez máis profundos no territorio israelí (Acre está a uns 20 km da fronteira co Líbano), polo coñecemento das instalacións militares sionistas (os ataques foron dirixidos a cuarteis) e pola admisión por parte do réxime israelí de que un dos seus principais sistemas de defensa aérea, a Cúpula de Ferro, só foi quen de interceptar un dos drones, despois de que durante meses os proxectís de Hezbolá estiveran dirixidos a degradar as súas capacidades de defensa aérea.

O secretario xeral de Hezbolá, Hassan Nasrallah, deixou entrever así e todo que o ataque non forma parte das represalias anunciadas contra o réxime israelí por parte da organización polo asasinato dun alto cargo, e por Irán, após matar Israel na súa capital, Tehran, ao líder de Hamás, Ismail Haniyeh.

Nasrallah debullou que Hezbolá contestará "só ou no contexto dunha resposta unificada" das forzas integradas no Eixo da Resistencia, ratificando que están "obrigados" a facelo independentemente das "consecuencias" que xere.

Ao respecto, medios sionistas transmitiron que o Exército propuxo ao Goberno de extrema dereita israelí atacar o Líbano antes das represalias de Hezbolá, defendendo que eles lideren unha escalada provocada precisamente polas accións do réxime de apartheid co aval do seu principal aliado e provedor armamentístico, os Estados Unidos.

Amais, funcionarios estadounidenses sinalaron á axencia AP que sete membros do seu persoal nunha base militar no Iraq ficaron feridos logo do lanzamento de proxectís contra a instalación.

Comentarios