París 2024 | Hóckey sobre herba

Detido por comprar cocaína o olímpico australiano Thomas Craig

Australia, con Craig, foi prata en Toquio 2020 e caeu en cuartos nestes Xogos.
O australiano Tom Craig, esta cuarta feira, saíndo da Prefectura de Policía de París. (Foto: Dave Hunt / AAP / DPA vía Europa Press)
photo_camera O australiano Tom Craig, esta cuarta feira, saíndo da Prefectura de Policía de París. (Foto: Dave Hunt / AAP / DPA vía Europa Press)

Un escándalo sacode os cimentos do Comité Olímpico Australiano (COA). Thomas Craig, mediocentro da selección masculina de hóckey sobre herba do seu país, foi sorprendido na noite da terza á cuarta feira intentando comprar cocaína no IX distrito de París, segundo informaron esta cuarta feira fontes policiais.

Craig foi liberado cunha advertencia despois de comparecer na Prefectura da capital francesa e non se presentaron cargos, apuntaron desde o COA. "Quero pedir desculpas. Cometín un terríbel erro e asumo todas as consecuencias", dixo, en declaracións recollidas pola BBC.

"As miñas accións son miñas e de modo ningún reflicten os valores da miña familia, dos meus compañeiros de equipo, dos meus amigos, do meu deporte ou da selección olímpica australiana. Avergoñeinos a todos. Síntoo moito", engadiu o xogador olímpico.

Australia, con Craig no equipo, foi prata en Toquio 2020 —perdeu a final con Bélxica— e caeu nestes Xogos en cuartos de final fronte a Países Baixos por dous goles a cero.

Comentarios