París 2024 | Piragüismo

Os éxitos no podio... e fóra del: dos bronces do C2 e o K4 masculinos ao diploma de Portela e García, así foi a xornada

Xornada de emocións intensas, e grandes éxitos, a vivida esta quinta feira no estadio náutico de Vaires-sur-Marne, que se saldou con dous bronces e un diploma para sumar ao amplo palmarés do piragüismo galego.
Arriba, Moreno e Domínguez; no centro, Ouzande, Fernández, García e Portela; abaixo, Craviotto, Arévalo, Cooper e Germade, esta quinta feira. (Fotos: AFP7 vía Europa Press)
photo_camera Arriba, Moreno e Domínguez; no centro, Ouzande, Fernández, García e Portela; abaixo, Craviotto, Arévalo, Cooper e Germade, esta quinta feira. (Fotos: AFP7 vía Europa Press)

Da euforia desmedida de Domínguez e Moreno ao chasco de Portela, García, Ouzande e Fernández... para logo dar paso de novo á alegría, máis comedida, de Arévalo, Germade, Craviotto e Cooper. Foron moitas, e moi diferentes, as emocións que esta quinta feira se viviron no estadio náutico de Vaires-sur-Marne en menos de media hora.

Porque a fin de contas o deporte de elite é iso, anos de adestramento que culminan en poucos segundos nun día concreto, tal e como sinalaba a padexeira canguesa Teresa Portela, que na súa sétima cita olímpica —e sétima final— non puido repetir a xesta de Toquio subindo de novo ao podio. O seu K4 500, que compartía coa pontevedresa Carolina García, a asturiana —con licenza galega— Sara Ouzande e a estremeña Estefanía Fernández, tivo que conformarse cun sexto posto que lles deu o diploma olímpico pero que lles soubo a pouco.

"A clave estivo no elevado ritmo medio", dixo Portela, que aos seus 42 anos non pensa na retirada e deixa no ar a posibilidade de seguir facendo historia en Los Angeles 2028. "Aínda non me puxen data de caducidade, agora mesmo só penso en seguir coa miña carreira deportiva", sentenciou. O caiac das galegas non puido aguantar o tirón da Nova Zelandia de Lisa Carrington, que como era de esperar sumou un novo ouro olímpico ao seu exitoso palmarés, o sexto nada menos.

Só Alemaña e Hungría foron quen de chegar ao último treito á par coas neozelandesas e acabaron conseguindo prata e bronce, respectivamente. "Saímos moi fortes, vímonos moi adiante, pero se nos foron, e aquí conta cada segundo; unha vez que se van xa é moi difícil collelas", explicou, ao tempo que agradeceu o traballo das súas compañeiras "en cada adestramento" durante todo este último ciclo olímpico e pediu pór en valor o enorme esforzo que fixeron para chegar até aquí: "Estar nuns Xogos significa estar entre as dez mellores do mundo, e agora mesmo somos as sextas".

"Tío, somos bronce!"

Antes que elas entrou pola porta grande o padexeiro Diego Domínguez, nado en Madrid pero afincado no Grove e con licenza galega. Esta quinta feira non só el se estreaba nunha final olímpica —despois de superar as semifinais como cuarto na súa serie—, senón tamén o seu compañeiro, o balear Joan Antoni Moreno, con quen leva apenas nove meses adestrando. Non chegaban como favoritos e, de feito, hai tres meses nin sequera contaban con estar nestes Xogos. Gañaron o billete en maio no preolímpico de Szeged (Hungría), onde sorprenderon cun meritorio segundo posto que melloraba o cuarto no que quedaron os andaluces Tano García e Pablo Martínez, que lograran o billete a París ao se proclamaren un ano antes campións mundiais nesta modalidade e chegaban como favoritos.

Na final tiveron que enfrontarse a dous medallistas olímpicos en Toquio como o chinés Liu Hao, que acabou colgando o ouro xunto ao seu compatriota Bowen Ji, ou o brasileiro Isaquias Queiroz, quen desta volta, xunto a Jacky Jamael Nascimento, acabou cruzando último a meta. E non tiveron o mellor arranque nunha regata especialmente igualada —a excepción dos chineses, que se puxeron cedo en cabeza—, pasando cuartos no segmento dos 250 metros. Pero unha vez en París querían seguir soñando e nos últimos metros apretaron os dentes para facer o sprint das súas vidas e acabar entrando como terceiros. A prata foi para os italianos Carlo Tacchini e Gabriele Casadei.

Iso si, houbo que botar man de photo finish para determinar a composición do podio, pois menos de oito décimas acabaron separando os segundos dos sétimos, os irmáns polacos Martin e Petr Fuksa. "Cando cruzamos a meta eu non sabía como quedaramos, pero Diego dixo, 'tío, somos bronce!'. Logo vimos nas pantallas que eramos cuartos e foi un baixón, pero cando o confirmaron xa nos invadiu a euforia", dixo Moreno. "Custou moito chegar até aquí, só nós os dous sabemos o esforzo que fixemos aínda que ninguén cría en nós. Aquí están os mellores de cada casa; nós somos agora os terceiros mellores de todas as casas", engadiu un emocionado Domínguez.

Germade e Arévalo, de novo no podio

O K4 500 que o betanceiro Carlos Arévalo e o cangués Rodrigo Germade comparten con Saúl Craviotto e Marcus Cooper voltou esta quinta feira ao podio —despois da prata de Toquio— para pór a guinda á xornada. Saíron moi fortes e a pesar do axustado que estivo o final conseguiron un bronce moi pelexando. Lideraron boa parte da regata e escaparon o ouro e a prata nos metros finais en favor de Alemaña, o gran favorito e vixente campión, e Australia, o 'tapado' destes Xogos, respectivamente, pero cun último esforzo conseguiron reter o bronce.

Ao rematar a regata parecían un tanto insatisfeitos co resultado por non ser capaces de loitar por máis neste último treito da canle de augas tranquilas de Vaires-sur-Marne, pero o certo é, tal e como salientaron na zona mixta após a regata, que australianos e alemáns marcaron un ritmo especialmente forte e eles, ante todo, foron quen de resistilo. "Entramos terceiros e queriamos pelexar polo ouro. Ao principio houbo algo de tristeza, pero agora temos a euforia de conseguir outra medalla olímpica sabendo que demos o 100% nunha regata moi dura", sinalou Arévalo, sobre un bronce que a Germade lle soubo "a ouro".

Antía Jácome, con "moito que soñar" no C1 200 e o C2 500

Como preludio das tres finais a padexeira pontevedresa Antía Jácome meteuse onte na súa segunda semifinal nestes Xogos, a do C1 200, entrando segunda na súa serie cun moi bo rexistro de 47.35 que só a canadense Sophia Jensen puido superar na súa serie. Aínda así, mostrábase autocrítica: "Non foi a miña mellor regata, pero agora teño outras dúas para poder sacar a miña mellor versión".

O sábado buscará un metal nesta proba, pero esta mesma sexta feira ten en xogo, xunto á madrileña María Corbera, o C2 500. "Temos moito que soñar, moito que sufrir tamén, e deixarémolo todo para acadar a final e loitar coas mellores", dixo.

Comentarios