A cultura da Coruña celebra o 90º aniversario do monumento a Curros Enríquez

Curros, que fora censurado e excomungado pola intolerancia, atopou defensa na cidade herculina, que compartía con el o mesmo ideario progresista, republicano e galeguista.
Monumento a Curros Enríquez, de Francisco Asorei (Foto: Fernando Losada)
photo_camera Monumento a Curros Enríquez, de Francisco Asorei (Foto: Fernando Losada)

As asociacións culturais Alexandre Bóveda e O Facho, Cántigas da Terra, a Real Academia Galega de Belas Artes e Amigos dos Museos da Galiza organizan unha actividade de homenaxe e conmemoración do 90º aniversario da inauguración do monumento a Curros Enríquez na Coruña, o sábado 10 de agosto, ás 12 horas, diante do monumento realizado polo escultor Francisco Asorey.

A vinculación de Curros coa cidade da Coruña, iniciada na súa mocidade e consolidada na homenaxe de 1904, quedou definitivamente estabelecida en 1908 co enterramento do poeta no cemiterio de Santo Amaro.

Curros, que fora censurado e excomungado pola intolerancia, atopou defensa na cidade herculina, que compartía con el o mesmo ideario progresista, republicano e galeguista.

Na II República, levántouse na cidade, nos seus xardíns principais, o monumento ao poeta. Esta obra, realizada por Asorey (a quen a Real Academia Galega de Belas Artes dedicou o Día das Artes Galegas este ano), a partir de grandes bloques de pedra semellantes a dolmens, e situada nos xardíns de Méndez Núñez, é, en palabras dos convocantes, "un altar civil".

 Foi en agosto do ano 1934, coa presenza de coros de toda a Galiza e coas intervencións do presidente da Real Academia Galega -que naquela altura era o poeta, ensaísta e dramaturgo Manuel Lugrís Freire-, o alcalde da cidade, Alfredo Suárez Ferrín, e o presidente da República, Niceto Alcalá Zamora, cando quedou oficialmente inaugurado o monumento.

No acto de conmemoración intervirán Felipe Senén e Cántigas da Terra, para rematar cunha interpretación do poema que Curros dedica a Rosalía: Do mar pola orela / mireina pasar, / na frente unha estrela, / no bico un cantar.

Máis en CULTURA
Comentarios