O Festival de Jazz de Moaña chega á súa 8ª edición

Diego Alonso e Abe Rábade encabezan os carteis dos dous días.
O trío de Abe Rábade fechara o festival.
photo_camera O trío de Abe Rábade fechara o festival.

A Asociación de Jazz de Moaña leva xa sete anos, coa colaboración do Concello, organizando o Festival de Jazz da vila morracense. A oitava edición celébrase hoxe e mañá, con algunhas das mellores formacións do país.

Esta sexta feira, 9 de agosto,  no escenario que se levantará no arboredo da Xunqueira, o festival dá inicio coa Airiños Jazz Band, a formación local que non deixa de medrar nos últimos tempos, para continuar co proxecto Nihil de Diego Alonso. O saxofonista e compositor vigués bota man da súa ampla traxectoria -máis de 10 anos como sideman en diversos grupos e estilos-, e toma as rendas como líder de Nihil, a súa propia formación; un proxecto que recolle as súas inquedanzas e composicións.

Mañá, sabado 10 de agosto, ás 13 horas, Ghastas Pista, un proxecto de swing dirixido pola bailarina Constance Hurlé, que busca o diálogo constante entre a música e a danza, actuará na sesión vermú.

Xa pola noite, será a quenda, primeiro, do trío de Sergio de Miguel, un pianista e compositor de Vigo, residente en Chicago, IL (USA) que, malia a súa mocidade xa recibiu premios internacionales como da ASCAP Foundation Herb Alpert Young Jazz Composer Award, o premio ao"Best Small Jazz Combo" dos premios que dá a Downbeat Magazine ou o premio Martín Códax ao mellor Artista Emerxente en 2023.

A noite rematará cunha das mellores formación jazzística do país, o Abe Rábade Trio.

Abe Rábade xa está consolidado como un dos máis agudos expoñentes creativos do jazz galego. Desde hai anos conta con dous sólidos aliados rítmicos que completan o seu trío -o seu proxecto principal-, o contrabaixista Pablo Martín Caminero e o batería Bruno Pedroso, cos que ten gravado discos como Versons (2013), Once (2016), Doravante (2018) ou Sorte (2021).   

Máis en CULTURA
Comentarios