MÁIS

A inmensidade de Rozavales

Castiñeiros á medida de Maceda de Trives
En Maceda de Trives sitúanse algúns dos castiñeiros máis antigos da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera En Maceda de Trives sitúanse algúns dos castiñeiros máis antigos da Galiza. (Foto: Nós Diario)

Nunha das vías de entrada a Maceda de Trives, no lugar de Rozavales  atópase un dos conxuntos caducifolios máis relevantes da zona. Este é o souto de Rozavales, que conta con abondosos castiñeiros centenarios e colosais a 680 metros de altitude sobre o nivel do mar. Precisamente a súa situación fai da zona un espazo de clima oceánico de montaña. As súas precipitacións anuais de perto de 1.000 litros e temperaturas medias de 11ºC son as que permiten o desenvolvemento  dos castiñeiros, xa que esta especie prefire lugares frescos, montañosos e húmidos.

Malia todo o que xustificaría a súa presenza na zona, hai que sinalar a súa natureza artificial. O souto, nun comezo, foi plantado por medio de enxertos para ser explotada a súa madeira. Porén, desa actividade humana orixinaria naceu unha relación natural entre a plantación e o solo que convertería o castiñeiro en residente permanente de Rozavales. Tanto é así que algúns dos espécimes levan habitando Maceda de Trives por varios lustros, como é o caso do castiñeiro de Pombariños (árbore no Catálogo de Árbores Senlleiras).

Ademais, derredor creouse un ecosistema propio e integrado por distintas clases de animais como corzos, raposos ou porcos bravos que coexisten nas case dúas hectáreas de monumento natural. Por todo, nas últimas décadas, xurdiron esforzos desde as administracións por sinalizar e protexer os castiñeiros á vez que habilitar espazos de recreo para que as persoas puidesen visitar o lugar, salvagardando a conservación da flora e fauna. Por esta razón, algúns dos troncos atópanse rodeados por valado, o que indica a protección especial dese exemplar e a prohibición de trepar polas súas pólas. O feito de chegar até o día de hoxe en boas condicións non quita que sexa un souto antigo e suxeito á acción do tempo, dos fungos e da intervención humana.

Por todo, debe ser coidado como o monumento natural que é e valorado como un exemplo vivo de como a interacción humana pode crear  ecosistemas únicos. 

Máis en CULTURA
Comentarios