O estudantado entra no Goberno provisorio constituído en Bangladesh, encabezado por Yunus

O novo líder, absolto por violar a lexislación laboral.
M. Yunus (centro), logo de ser condenado en xaneiro. (Foto: Habibur Rahman / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press)
photo_camera M. Yunus (centro), logo de ser condenado en xaneiro. (Foto: Habibur Rahman / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press)

Muhammad Yunus, premio Nobel da Paz, tomou posesión a quinta feira como novo conselleiro principal do Executivo de Bangladesh, un posto equivalente ao de primeiro ministro nun Goberno provisorio que ten como principal función, á parte de estabilizar o país, o desenvolvemento dunhas novas eleccións.

Ao Executivo, que responde á dimisión e fuxida da ex primeira ministra Sheikh Hasina após masivas protestas estudantís, incorporáronse dous dos líderes do estudantado nas mobilizacións, amais de persoas procedentes da sociedade civil do Estado asiático.

En Dacca, a capital, a folga da Policía pola falta de seguridade derivou en que a veciñanza se autoorganizara para protexer os seus barrios entre reportes de roubos.

Ao respecto, o novo líder de Bangladesh asegurou que a súa prioridade é restabelecer a orde no contexto da violencia xeneralizada tras a saída de Hasina, e logo de ser absolto a cuarta feira nun caso no que fora declarado culpábel e sentenciado a medio ano de cárcere por violación da lexislación laboral, e polo que estaba en liberdade baixo fianza.

Comentarios