Euskadi

Otegi móstrase "sorprendido" pola ausencia de Puigdemont no Parlament e valora que Illa defenda a idea de Estado plurinacional

A xuízo do coordinador xeral de EH Bildu, o acordo entre ERC e o PSOE "confirma" que "moitas das cousas que deixou atadas o réxime do 78 están a desfacerse".
Arnaldo Otegi. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Arnaldo Otegi. (Foto: Nós Diario)

O coordinador xeral de EH Bildu, Arnaldo Otegi, mostrouse "sorprendido" polo feito de que Carles Puigdemont non participase finalmente no pleno de investidura de Salvador Illa, tal e como "todo o mundo pensaba" que ía ocorrer, e afirmou que "corresponde" ao propio ex president da Generalitat de Catalunya explicar os motivos de tal decisión.

Otegi, nunha entrevista en Naiz Irratia, referiuse desta forma ao regreso esta quinta feira de Puigdemont a Catalunya desde Bélxica, nunha xornada na que realizou unha breve intervención pública para despois desaparecer, evitando así o seu arresto, en aplicación da orde de detención que pesa sobre el por un presunto delito de malversación relacionado co proceso independentista catalán.

O coordinador xeral de EH Bildu afirmou que a forma na que se produciu a reaparición en Catalunya de Puigdemont, quen finalmente non participou no pleno de investidura de Illa, a pesar de que nos días previos anunciara a súa intención de asistir á mesma, sorprendeuno.

Otegi afirmou que "todo o mundo pensaba" que Puigdemont participaría no pleno de investidura do que xa é novo president da Generalitat. "Supoño que responde a unha estratexia política", afirmou, en referencia á decisión de Puigdemont de realizar unha breve intervención na rúa e de non asistir á investidura.

En todo caso, e aludindo ao feito de que o ex dirixente catalán optase finalmente por non ir ao Parlament para eludir á Policía e evitar o seu arresto, manifestou que un "factor" importante nesta forma de proceder sería "seguramente" a orde de detención que pesaba sobre el.

Por todo iso, e desde o "respecto", afirmou que "corresponde" a Puigdemont explicar cal é a "lóxica política" á que responde a forma na que se produciu a súa reaparición en Catalunya. De todos os modos, o líder de EH Bildu manifestou que desde unha perspectiva política, a investidura de Illa (PSC) está "ao nivel" do regreso de Puigdemont (Junts) a Catalunya.

Ao seu xuízo, a proclamación do dirixente socialista como novo president da Generalitat "abre unha nova etapa, entre comiñas, en Catalunya". Otegi destacou que o dirixente do PSC "defendese" no seu discurso a idea de "Catalunya como nación", e do Estado español como Estado "plurinacional", o novo modelo de financiamento para esa autonomía ou o apoio ao catalán como idioma.

O dirixente soberanista sinalou que haberá que comprobar se, finalmente, os compromisos de Illa nestes ámbitos se compren. En todo caso, ironizou sobre a posibilidade de trasladar ao secretario xeral do PSE-EE, Eneko Andueza, "unha copia" da intervención de Illa, para "ver se entende o que dixo esta quinta feira" o dirixente do PSC.

"Falta de unidade"

Otegi tamén se referiu ao acordo logrado entre ERC e o PSOE que propiciou o apoio da formación independentista á investidura de Illa. Neste sentido, o coordinador xeral de EH Bildu expresou o seu "respecto" á posición que mantivo cada formación catalá ao redor da investidura do novo president da Generalitat, e lembrou que aínda que EH Bildu ten un acordo "estratéxico" con ERC, tamén mantén "relacións" coa CUP e con Junts.

Neste sentido, afirmou que cada formación tivo a súa propia "estratexia" ao redor deste asunto, aínda que precisou que "un factor político moi importante" na actual situación de Catalunya é a "falta de unidade" entre os partidos soberanistas.

A xuízo de Otegi, o acordo entre ERC e o PSOE "confirma" que "moitas das cousas que deixou atadas o réxime do 78 están a desfacerse", algo que "é importante". Ademais, considerou que este pacto responde a unha "crise" no Estado español. Otegi precisou que o "primeiro paso" para superar esa crise é "recoñecer o Estado plurinacional, a Euskal Herria como nación, o idioma vasco, e que as nacións temos dereitos políticos".

Reforma do autogoberno

A partir de aí, segundo indicou, sería posíbel, no caso de Euskadi, lograr "un amplo acordo" ao redor dun novo modelo de autogoberno. Otegi manifestou que o acordo entre o PSOE e ERC demostra que "se está creando un terreo que haberá que explorar para ver que depara no futuro".

Respecto a se un eventual acordo para reformar o autogoberno vasco, sinaliu que debería basearse nunha unión de forzas de esquerdas ou nun pacto entre formacións soberanistas, subliñando que esta é unha "dicotomía" que a esquerda soberanista "ten superada desde hai tempo".

Otegi explicou que as reivindicacións soberanistas e a aposta pola mellora das políticas públicas "son caras da mesma moeda". "Este país necesita soberanía para reforzar as súas políticas públicas e para manter a súa identidade nacional e garantir a súa supervivencia", engadiu.

Neste sentido, afirmou que en Euskadi existe "unha relación de forzas suficiente" para "facer as cousas doutra forma" e para lograr un acordo "no ámbito do autogoberno ou da soberanía". En todo caso, subliñou que un pacto dese tipo debe ser "o máis amplo" posíbel, aínda que "tendo en conta a relación de forzas" existente en Euskadi, en cuxo Parlamento hai "entre un 75 e un 80%" de deputados e deputadas que defenden "que somos unha nación e que temos dereito a decidir".

Escudo de Euskal Herria

Otegi tamén se referiu á situación na que se viu implicado o Concello navarro de Villava, gobernado por EH Bildu, que se viu obrigado a eliminar do escudo do seu frontón os escudos de Áraba, Bizkaia, Guipúscoa, Lapurdi e Zuberoa en aplicación dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Nafarroa (TSXN), que considera que lucir o emblema de Euskal Herria conformado polos devanditos escudos xunto ao de Nafarroa "atenta contra a neutralidade política".

Ao seu xuízo, obrigar a retirar este emblema demostra a "debilidade" do Estado español e dos seus organismos xudiciais, tras o que subliñou que o Estado francés "non borra" os escudos de Euskal Herria que existen nos municipios da parte de Euskadi inxerida no territorio galo.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios