París 2024 | Piragüismo

Diploma olímpico para Antía Jácome no C2 500

A pontevedresa foi sexta xunto á súa compañeira María Corbera.
Antía Jácome e María Corbera, esta sexta feira, en Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 / Europa Press)
photo_camera Antía Jácome e María Corbera, esta sexta feira, en Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 / Europa Press)

A padexeira pontevedresa Antía Jácome foi sexta na final polas medallas desta sexta feira do C2 500 xunto á súa compañeira habitual na modalidade, a madrileña María Corbera. Non tiveron a mellor saída e foi complicado aguantar o alto ritmo que marcaban en cabeza as chinesas Mengya Sun e Shixiao Xu, que bateron o récord olímpico na semifinal... e pulverizaron dúas horas despois o tempo que elas mesmas fixeran na final (1:52.81), onde levaron o ouro. A prata foi para as ucraínas Anastasiia Rybachok e Liudmyla Luzan e o bronce para as canadenses Sloan MacKenzie e Katie Vincent.

A final presentábase complicada de por si polos temos cos que chegaban tanto as chinesas como as integrantes da canoa do Canadá, que nas series clasificatorias fixaran un récord olímpico que durou até esta sexta feira, cando o superaron por dúas veces Sun e Xu. Pero logo as condicións meteorolóxicas fixérono aínda máis difícil.

O vento sopraba con forza pola dereita desde atrás, o que prexudicaba especialmente Jácome e Corbera, ambas as dúas zurdas. Aínda así botaron os restos para non se descolgaren do grupo de cabeza —a excepción de China, que marcou distancia desde a saída para selar unha vitoria que parecía ter o seu nome desde antes da regata— e cruzaron cuartas e á par coas embarcacións que loitaban por completar o podio o segmento dos 250 metros.

Mais nos últimos metros non puideron resistir o envite tanto de Canadá como de Ucraína, que sorprendeu facéndose finalmente coa prata. Cuarta foi Hungría e quinta Polonia.

Máis en DEPORTES
Comentarios