O Canjazz 2024 presenta un programa multicultural e ecléctico

Os concertos principais comezarán ás 22 horas no Eirado do Costal e as aperturas das jam sessions ás 23.30 en diferentes locais da vila.

O trío danés-italiano Raw Fish.
photo_camera O trío danés-italiano Raw Fish.

Esta sexta feira, 9 de agosto, presentouse no Salón de Plenos do Concello a 27ª edición do Festival de Jazz de Cangas, Canjazz 2024. No acto participaron a alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, a concelleira de Cultura, Aurora Prieto, e o músico Xan Campos que xunto co batería Iago Fernández son os directores artísticos do festival e membros da Asociación de Jazz de Cangas, que este ano recibiu o premio Xohán de Cangas ao Labor Cultural.

O Canjazz 2024 celebrarase do 18 ao 21 de agosto no Eirado do Costal da vila morracense. O festival ofrece un cartel de catro días con propostas que abranguen desde o jazz máis clásico até as tendencias máis contemporáneas. Así mesmo o Canjazz destaca pola diversidade de estilos, raíces e culturas, e pola presenza de artistas internacionais.

O domingo 18, o festival comezará co jazz máis experimental de Raw Fish, grupo danés-italiano que combina punk, indie rock e música improvisada. A seguir, actuará na Taberna Cambika a Los Guachos, que interpretará temas propios e arranxos influenciados polo folclore sudamericano e o hard bop.

O día 19, o Eirado do Costal acollerá a actuación de Cu4tro (Ariel Brínguez, Javier Sánchez,Gastón Joya, e Borja Barrueta), que nace da vontade de explorar un folclore universal. A velada seguirá unha noite máis na Taberna Cambika, co proxecto liderado pola cantante, compositora e ilustradora compostelá Gloria Pavía.

Ao día seguinte será a quenda de cantante británica de orixe irlandesa e palestina Sara Dowling, unha das voces máis relevantes e con maior talento de Europa, recoñecida en 2019 como mellor vocalista nos British Jazz Awards. A noite continuará no Ghato de Mar co concerto do trío de Daniel Corral.

Finalmente, o día 21 o Canjazz presentará o proxecto liderado pola contrabaixista galego cubana Yudit Almeida. O festival 2024 rematará cun concerto e jam session no Chiringo de Massó. O crooner Abel Trigó, nado en Alemaña e con orixes galegas, presentará o seu traballo Brave New World.

Máis en CULTURA
Comentarios