A ourivaría, Xosé Manuel Budiño e Luandino Vieira protagonizan o 'Sermos Galiza'

Lembra que podes atopar o 'Sermos Galiza' desde este sábado, 10 de agosto, acompañando o xornal 'Nós Diario'. 64 páxinas por só 3,20 euros!
Detalles da nova edición do 'Sermos Galiza'.
photo_camera Detalles da nova edición do 'Sermos Galiza'.

Como é habitual, este sábado, 10 de agosto, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Esta edición estará protagonizada pola ourivaría galega, así como polo gaiteiro Xosé Manuel Budiño e por Luandino Vieira, quen xogou un papel destacado na construción da República Popular de Angola.

'Ourivaría galega. Tradición e Modernidade'

As ourives galegas souberon conservar a tradición, introducindo nela un aire vangardista e innovador, que está a levar a ourivaría galega á moda máis actual. Son as que traballan o ouro e a prata, materias ás que na Galiza se lles atribúe un carácter protector. A prata pensábase que era terapéutica, á vez que máxica, considerándoa un material defensivo que protexe contra o mal de ollo e as malas enerxías. Nas xoias galegas, as filigranas xogan un papel fundamental, ao representar moitas delas figuras que fan destas pezas algo máis que un ornamento, converténdoas nun elemento da identidade.

'Xosé Manuel Budiño. A gaita, Instrumento gañador'

Cunha traxectoria que estopou en 1996 co seu álbum Paralaia, Xosé Manuel Budiño (Moaña, 1969) está neste verán xirando co novo disco Branca Vela. Estivo en agosto en Muxía (día 3), Maceda (día 8) e estará o 14 na praza de María Pita na Coruña nun concerto acompañado de Mercedes Peón, Vega, Nekane Louzao e Libeliñas&Tarandeiras. Budiño repasa nesta conversa o seu percorrido evolucionando desde a mistura da música tradicional e a súa renovación instrumental, ponte entre os pioneiros Milladoiro e as actuais formacións con novas propostas inspiradas no tradi.

'Luandino Vieira. A liberdade, erguer o Estado de Angola (1972-2024)'

Recuperada a liberdade en 1972, co 25 de abril ás portas (1974), a proclamación da independencia (1974) inicia o proceso de construción da República Popular de Angola no que vai xogar Luandino Vieira un papel destacado, proceso que acompaña ata as eleccións de 1992, aínda en plena guerra civil. Precisa, logo, retirarse da primeira liña e dedicar tempo á súa obra, o que o trae ao Miño, onde escribe e desenvolve o seu labor cultural, coa mesma intensidade paciente forxada na resistencia anticolonial. Velaí a estela da coherencia militante que nunca se entrega.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel Barreiro achégannos as novidades no sector literario, a comezar por As Jermaine, de María Alonso Seisdedos; e Cando o vento sopra, de Raymond Briggs.

No apartado musical, Olga Brañas fálanos de Os saxofóns de Occidente, da Orquestra Bravú Xangai. Alexandre Sotelino Losada, pola súa parte, asina a reportaxe A globalización do torreiro, co folk e o festival de Pardiñas de fondo.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Deadpool e Lobeto (Dirección: Shawn Levy / EUA / 127 min), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. Ademais, na seccións de patrimonio, Sole Felloza achéganos a San Mamede. Pola súa parte, Lázaro Armental fálanos da arquitectura da cidade da Coruña. Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o 'Sermos Galiza' este sábado, 3 de agosto, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Máis en CULTURA
Comentarios