Distintas tradicións europeas de títeres conflúen en Titiriberia

A República Checa será a gran protagonista internacional de Titiriberia neste 2024, ao contar cos especialistas checos Marie Jirásková e Pavel Jirásek. A novena edición do festival -que representa a principal ferramenta de difusión do traballo de investigación levado a cabo pola asociación Morreu o demo- decorrerá entre os días 12 e 18 de agosto en Rianxo  
 
Figuras checas para teatriños de papel da colección da familia Jiráskovi.
photo_camera Figuras checas para teatriños de papel da colección da familia Jiráskovi.

Titiriberia cambia de datas, mais non de obxectivos. O festival, que decorrerá este ano entre os días 12 e 18 de agosto, en Rianxo, é só a parte pública do conxunto de actividades que leva a cabo a asociación Morreu o demo dedicadas a recuperar, preservar e difundir a tradición europea de teatro popular que, na Galiza, se materializa na figura de Barriga Verde.

Titiriberia naceu co obxectivo de mostrar as distintas tradicións ibéricas e europeas dos teatros de títeres populares, para poñelas diante do espello da tradición de Barriga Verde.  

E este ano, ás xa coñecidas tradicións do Dom Roberto en Portugal, o Pulcinella de Italia, o Kasper alemán ou os Punch & Judy de Gran Bretaña,  o festival suma á tradición checa do teatro familiar, pensada fundamentalmente como xogo doméstico para a cativada. Dous grandes especialistas do país centroeuropeo: Marie Jirásková e Pavel Jirásek participan nesta edición de Titiriberia impartindo un curso de formación, ao que se sumará unha proxección audiovisual comentada por parte da familia Jiráskovi con fragmentos da presenza de títeres checos ao longo da historia do país, e a presentación dos catro libros que Jirásková realizou sobre a colección familiar de títeres históricos. Unha exposición mostrará, ademais, unha escolma desta colección, que inclúe monicreques, bosquexos, debuxos e fotografías históricas e representa unha das maiores coleccións privadas de títeres da República Checa.

Relevancia cultural

"Para nós é importante o traballo de difusión que se leva a cabo a través do festival porque, en xeral, existe un descoñecemento moi grande de todo o que significa esta tradición e da importancia cultural do teatro de monicreques", explica Anxo García, un dos socios da asociación Morreu o demo e compoñente de Viravolta Títeres, unha das compañías de referencia para o sector galego dos monicreques, ao superar xa os corenta anos de traxectoria. "En concreto, traer aquí o teatro de títeres da República Checa significa achegarnos a unha rexión, a Europa central, que é das máis importantes de todo o continente desde o punto de vista da tradición titiriteira coa que conta".

García apunta, como exemplo desa relevancia cultural, ao feito de que, durante o longo período en que os territorios checos estiveron sometidos á coroa xermana dos Habsburgo, foron precisamente os titiriteiros os que conservaron a lingua checa.

"Toda esa bagaxe cultural está sendo moi estudada agora polos directores de escena que fan teatro de gran formato, ou mesmo ópera", anota. "Non é un fenómeno novo, xa que desde os comezos do século XX houbo sempre directores que se interesaron polo teatro de obxectos para fornecer teoricamente as súas postas en escena. Pero estamos nun momento en que se están multiplicando os estudos e, polo tanto, estase poñendo de manifesto a enorme significación deste teatro".

Nesa mesma liña, García tamén destaca a expectación que suscita a mesa redonda que terá lugar o primeiro día do festival,  dedicada ao período de maior esplendor da arte dos títeres -entre finais do século XIX e os comezos do XX, no que grandes compañías chegaron a ocupar trens enteiros e a realizar xiras internacionais con espectáculos de gran formato. Xesús Torres Regueiro, investigador das Mariñas, falará das xiras que realizou pola Galiza o célebre Teatro dei Piccoli; o historiador dos títeres Adolfo Ayuso ampliará o foco sobre outras compañías da época con prestixio internacional; e a investigadora Comba Campoi, explicará o impacto que este tipo de propostas tiveron sobre os espectáculos de títeres populares como o que realizaba a familia Silvent co seu personaxe Barriga Verde. A mesa, que se presenta baixo o título Os títeres, o maior espectáculo do mundo, será moderada pola xornalista Montse Dopico.

"E con esa mesma orientación pedagóxica, eu destacaría tamén a exposición que se mostra nos escaparates dos comercios de Rianxo, nos que exhibimos diversas marionetas do mundo da colección de Viravolta, cuxos fondos constituían o xa extinto Museo da Marioneta de Lalín", indica García.

Dez estreas

Canto á exhibición de espectáculos, a edición deste ano presentará 30 funcións, da man de vinte compañías, entre as que se contan dez estreas absolutas.

A festa dos títeres abrirá oficialmente, na segunda feira 12 de agosto, o festival: un pasarrúas no que xuntan forzas a charanga Vai de Roda, os peixes xigantes de Os Quinquilláns e os bonecos de  Viravolta.

Ese mesmo día terá lugar a segunda estrea desta edición da man da compañía vasca Ostomila Títeres que, en coprodución con Titiriberia, trae ao galego a súa montaxe Baleazaleak, que repasa a epopea dos baleeiros vascos en Terranova e a conexión que realizaron coas comunidades mikmaq.

Outra estrea deste 2024 terá como protagonistas estes grandes mamíferos. Os Quinquilláns e Vai de Roda levarán a escena De como chegou a Rianxo unha balea, baseado nun conto de Rafael Dieste: un espectáculo itinerante que se poderá ver na vindeiro cuarta feira e que partirá do Campo de Arriba.

Este mesmo lugar acollerá ao longo do festival a Feira Vella, unha recreación dunha feira tradicional na vila de Rianxo. Situado no Campo de Arriba, este espazo acollerá a estrea de diferentes coproducións escénicas do festival e unha colección de xogos antigos e atraccións tradicionais. A feira, ademais, acollerá unha exposición de Manuel Silva Bisgue, que leva anos a fotografar as sucesivas edicións de Titiriberia.

Varias das estreas celebraranse neste enclave.  Así, Teatro Airiños dará a coñecer Os casos da Feira Vella o día 13, e Seisdedos presentará o día 15, ás 21 horas, a obra Peito de lobo, baseada na personaxe que Castelao inmortalizou en Cousas.

Por este mesmo escenario tamén pasará A cova das letras para estrear Chafallas. A vendedora de fume o día 16 e o sábado 17 ás 13 horas.

A praia de Tanxil tamén acollerá unha estrea nesta novena edición do Titiriberia. Trécola presentará o día 14 ás 13 horas a súa obra As aventuras de Pituquito. Pola súa banda, Seisdedos escollerá a Praza Castelao como punto de partida para a súa nova montaxe: Cantar do ano de Rianxo. A compañía recreará o día 14 ás 20.30 horas un cantar de cego que narra unha selección de feitos destacados da actualidade rianxeira desde a última edición do festival.

Títeres Alakrán tamén escolle o formato itinerante para a súa nova montaxe: A vella do gaiteiro. A obra está pensada para pasarrúas e emprega unha figura tallada para crear a ilusión dunha señora a portar un gaiteiro nun cesto. Poderemos velo dende o paseo da Ribeira até o Campo de Arriba o sábado e o domingo ás 12.30 horas.

A estas estreas -coproducidas todas elas polo festival- hai que sumarlles As varietés de Barriga Verde. Esta produción propia de Titiriberia deixará este ano o recinto do Auditorio de Rianxo para reinventarse agora no Campo de Arriba. O espectáculo de varietés do Titiriberia pretende revivir, desde unha óptica actual, o espectáculo que a familia Silvent realizaba na súa barraca de xeito previo ao número dos monicreques. Para a montaxe cóntase con profesionais cunha ampla traxectoria na Galiza, ademais de novas compañías no campo dos títeres. Nomes como Pura Vázquez García, Títeres Alakrán, as propostas cómicas de Teatro Airiños, Trécola Producións e a música do cuarteto da Escola de Música de Rianxo integraranse nesta proposta xa clásica do festival.

A presenza galega no festival completarase con compañías como Os Monicreques de Kukas, que achegará "o teatro máis pequeno do mundo", o Lambe Lambe, que acolle unicamente a 1 ou 2 espectadores de cada vez, e permitirá ver ao vivo micro espectáculos de títeres como SOS Emerxencia Ambiental e Gernika, que combinan a maxia dos títeres con mensaxes a prol da paz e do medio ambiente.

Xirapaus, pola súa parte, presenta Kinétiko, unha instalación que bebe de dúas fontes artesás para crear unha serie de autómatas pensados para recuperar un oficio moi relacionado co mundo das marionetas. O titiriteiro Ero Vázquez de Teatro Marionetas Trécola e mais o xogueteiro Manuel Taboada Fernández, de A Chintofanería, unen os seus coñecementos e experiencias nunha experiencia que combina a exposición das súas creacións cunha explicación ilustrada e dramatizada destes aparellos, complementada con contos e interaccións co público.

Babaluva, Pedras de Papel e Teatro O Cubo completan a presenza galega no festival.

Máis en CULTURA
Comentarios