MÁIS

Agosto de Perseidas

A chuvia de estrelas que cubrirá o firmamento
Vista do fenómeno astronómico que poderá percibirse entre o domingo e o día 13. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vista do fenómeno astronómico que poderá percibirse entre o domingo e o día 13. (Foto: Nós Diario)

Entre o 11 e o 13 de agosto, poderase ver a chuvia de estrelas das Perseidas, un dos sete fenómenos astronómicos anuais e o único que ten lugar no verán. O que se verá estes días serán os escintileos de luz dos meteoros. Unha vez ao ano a Terra pasa a través dos entullos da estela dun cometa, -o Swift-Tuttle- que, ao entrar na atmosfera terrestre a alta velocidade, quéimanse e producen eses brillo. Estes fragmentos de cometa son visíbeis desde mediados de xullo até finais de agosto, mais o seu pico de visibilidade acontece nestes tres días nos que parecen radiar maior luz desde a constelación de Perseo (de aí o seu nome). 

Para quen desexe observar a chuvia celeste, poderá facelo en todo o hemisferio norte cunha proporción variábel. A cantidade a ver dependerá das condicións atmosféricas, o lugar e o momento de observación. Este ano preséntase unha boa oportunidade, pois a Lúa estará en fase de cuarto crecente. En consecuencia, a súa luz non obstruirá a visibilidade e permitirá ollar con maior claridade as luces que vaian aparecendo.

Segundo o Instituto Xeográfico Nacional, o máximo número de corpos celestes verase na península na noite do 12 de agosto. Ante a dúbida de cal é o lugar idóneo para poder aproveitar esta cita astronómica, a mellor opción son os lugares elevados do interior da Galiza, pois precísase altitude e unha zona despexada que permita obter unha vista ampla do ceo. Poucas posibilidades hai de observalas perto de contornas urbanas ou do mar, porque a contaminación luminosa e a néboa minimizan a visibilidade. 

As mellores localizacións atópanse en espazos naturais como Pena Trevinca -en Carballeda de Valdeorras-, a serra dos Ancares ou o Pico Sacro, en Boqueixón, na comarca de Compostela. Con todo, só a espera e a paciencia poden garantir bos resultados. Abríguense!

Máis en CULTURA
Comentarios