Rusia declara a emerxencia a nivel federal polo ataque ucraíno a Kursk, que alcanza a súa cuarta xornada

Ucraína ataca un aeródromo militar ruso.
Danos por un bombardeo esta semana en Khárkiv (Ucraína). (Foto: Vyacheslav Madiyevskyy / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Danos por un bombardeo esta semana en Khárkiv (Ucraína). (Foto: Vyacheslav Madiyevskyy / Zuma Press / ContactoPhoto)

As autoridades rusas declararon a sexta feira unha emerxencia a nivel federal no cuarto día de incursión ucraína na provincia rusa de Kursk, localizada na fronteira común. O gobernador en funcións do territorio, Alexei Smirnov, sostivo que a situación “segue a ser difícil”.

O Ministerio de Defensa anunciou que os reforzos estaban en camiño e a axencia Tass sinalou que os militares de Moscova frustraron novos intentos de incursión e atacaron o Exército ucraíno en Sumy, ao outro lado dos lindes, rexión na que Ucraína comunicou que 20.000 persoas precisan ser evacuadas.

Esta incursión, na que segundo o pro occidental Instituto para o Estudo da Guerra Ucraína avanzou 35 km en territorio ruso, é o ataque ucraíno máis relevante en Rusia desde a invasión de 2022 e o certo, indica a axencia AP, é que o obxectivo estratéxico “segue sen estar claro”, mais cando menos permitiríalle forzar Rusia a redistribuír tropas para defender Kursk.

Asemade, Ucraína lanzou un ataque que Rusia definiu como “masivo” contra o aeródromo militar de Lipetsk, a 400 km da fronteira, que resultou incendiado.

Comentarios